A Filmoteca de Galicia abre o curso co filme ‘Resurrection’ e tres ciclos dedicados a Vittorio de Sica, Viola Stephan e Kleber Mendonça Filho

A cinemateca da Xunta retoma mañá as proxeccións despois do verán co último traballo do director chinés Bi Gan, que terá un segundo pase o venres 11 dentro da sección ‘Fóra de serie’

A programación percorre sete títulos de Vittorio De Sica e achégase tamén á obra da documentalista alemá Viola Stephan, en colaboración co festival Play-Doc, e do cineasta brasileiro Kleber Mendonça Filho

‘Fóra de serie’ incorpora ‘Magallanes’, de Lav Diaz, e ‘April’, de Dea Kulumbegashvili, mentres que ‘Off Galicia’ acollerá o documental ‘Mulleres da reconversión’, de Iago Varela

A Coruña, 7 de setembro de 2026

A Filmoteca de Galicia retoma mañá martes 8 a súa programación na sala José Sellier da Coruña coa proxección de Resurrection, o último filme do cineasta chinés Bi Gan, unha homenaxe ao propio cinema a través dun espectáculo visual que competiu no Festival de Cannes de 2025 e vén de acadar unha destacada resposta nas salas españolas. A película terá un segundo pase o venres 11 dentro da sección Fóra de serie.

A carteleira de setembro da cinemateca da Xunta articúlase arredor de tres ciclos dedicados a outros tantos autores. O apartado clásico céntrase en Vittorio De Sica a través de sete películas, entre as que figuran El limpiabotas, Ladrón de bicicletas, Milagro en Milán, Umberto D. ou Dos mujeres. A programación complétase con dúas retrospectivas de cineastas contemporáneos: unha arredor da documentalista alemá Viola Stephan, organizada en colaboración co festival Play-Doc, e outra sobre o brasileiro Kleber Mendonça Filho.

Ademais, Fóra de serie incorpora este mes outros dous títulos de estrea: Magallanes (día 18), do filipino Lav Diaz, coproducida por Albert Serra e protagonizada por Gael García Bernal, e April (día 30), da realizadora xeorxiana Dea Kulumbegashvili. Neste mesmo apartado terá lugar unha sesión cunha selección de curtametraxes dos cineastas de orixe cubana Miñuca e Fernando Villaverde e a presentación da revista dixital Fantasma Material, especializada en cinema latinoamericano (día 10).

Vittorio De Sica: do neorrealismo ás estrelas

A Filmoteca de Galicia inicia o mércores o ciclo Vittorio De Sica: do neorrealismo ás estrelas, un percorrido por unha das grandes figuras do cinema italiano a través de sete títulos realizados entre os anos corenta e sesenta. A retrospectiva ábrese con El limpiabotas (días 9 e 10) e continúa con Ladrón de bicicletas (días 12 e 15), dúas das películas máis representativas da súa etapa neorrealista.

O ciclo avanza con Milagro en Milán (días 16 e 17) e Umberto D. (días 19 e 22), para achegarse posteriormente a un período no que De Sica se incorpora a producións de maior dimensión internacional e traballa con grandes estrelas. Son os casos de Dos mujeres (días 23 e 24), protagonizada por Sophia Loren; o filme colectivo Boccaccio ’70 (día 25); e Matrimonio a la italiana (días 26 e 29).

Outros ciclos e seccións

En paralelo ao especial dedicado a Vittorio De Sica, a Filmoteca da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achegarase en setembro á obra de dous autores contemporáneos. En colaboración con Play-Doc, o Festival Internacional de Cinema de Tui, programa catro traballos nos que a documentalista alemá Viola Stephan explora  os perigos e contradicións dos mundos poscomunistas: A viaxe de Petersburgo a Moscova (día 9), Silesia (día 16), A fin da guerra (día 23) e A escolla das damas – Escenas do Occidente civilizado (día 29).

Pola súa banda, o ciclo sobre o brasileiro Kleber Mendonça Filho comeza cunha sesión dos seus primeiros traballos en curtametraxe (día 15), á que seguirán o documental Crítico (día 17) e a súa primeira longametraxe de ficción, Sonidos de barrio (días 22 e 24). A retrospectiva continuará en outubro con títulos posteriores da súa filmografía.

A programación complétase coa presentación da revista dixital Fantasma Material e unha selección de curtametraxes de Miñuca e Fernando Villaverde (día 10), ademais de Magallanes, de Lav Diaz (día 18), e April, de Dea Kulumbegashvili (día 30), dentro de Fóra de serie. En Off Galicia, Iago Varela presentará o documental Mulleres da reconversión (día 11), nunha sesión con coloquio e entrada de balde.

Data de actualización: 07/09/2026