A Xunta insta á empresa responsable das obras da represa no río Umia a corrixir as deficiencias detectadas e garantir a continuidade fluvial
Nunha recente inspección, o persoal da Consellería do Medio Ambiente e Cambio Climático non observou afeccións negativas á flora ou á fauna nin turbidez da auga, pero si detectou que as actuais filtracións no corpo da presa están impedindo o seu correcto funcionamento
A adopción das medidas correctoras esixidas será posteriormente verificada e, no caso de que a circulación dos peixes non quede garantida axeitadamente, o titular da infraestrutura deberá habilitar unha escala ou dispositivo equivalente
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de remitir un requirimento á empresa titular da autorización da represa no río Umia, ao seu paso polo lugar de Cabanelas, en Ribadumia, para que corrixa o antes posible as deficiencias detectadas nas obras de reconstrución e mellora do funcionamento da infraestrutura existente.
No marco dos labores de supervisión destes traballos, persoal do organismo hidráulico autonómico e axentes ambientais realizaron unha recente inspección á zona da actuación para verificar o cumprimento das condicións da autorización. Comprobaron así que a actuación se axusta en termos xerais ás dimensións e materiais autorizados e, de feito, non se observaron afeccións negativas á flora ou á fauna nin turbidez na auga. Sen embargo, si detectaron filtracións a través do corpo da represa que impiden actualmente o seu correcto funcionamento e tamén o paso previsto para os peixes.
Por este motivo, Augas de Galicia decidiu dirixirse ao titular da represa para que corrixa estas deficiencias e, posteriormente, volverase inspeccionar a zona da actuación para verificar a eficacia do sistema. Ademais, no caso de que o paso da fauna non funcione adecuadamente, deberá habilitarse de inmediato unha escala de peixes ou outro dispositivo equivalente.
Reconstrución estable dunha represa xa existente
Cómpre lembrar que a actuación no río Umia non consiste na creación dunha nova presa, senón na reconstrución estable da represa existente, necesaria para evitar a salinización da única captación que abastece á Illa da Toxa. Ata agora esta represa reconstruíase provisionalmente cada verán, o que xeraba episodios recorrentes de turbidez, motivo polo que a concesionaria propuxo esta actuación como medida definitiva.
A solución –autorizada por Augas de Galicia tras a obtención dos informes técnicos preceptivos e logo de estar sometida a información pública sen que se presentasen alegacións– prevé unha estrutura de material pétreo, cunha pendente moi tendida augas abaixo para funcionar como rampla para os peixes e unha canle central para augas baixas, incorporando así medidas para facilitar a continuidade fluvial.