A Xunta ultima os detalles para a próxima apertura da estación intermodal da Coruña
O Goberno galego vén de remitir ao Concello da Coruña unha proposta formal para implantar unha nova parada na Ronda de Outeiro, número 95, co obxectivo de facilitar os desprazamentos na zona da actual estación de autobuses
A Administración autonómica definiu, en colaboración co Concello da Coruña, e no marco de diversas xornadas de traballo, os itinerarios que seguirán as liñas interurbanas
A Xunta executou as obras da nova estación de autobuses e analizou distintas alternativas para facilitar o acceso das persoas usuarias ao transporte público
Santiago de Compostela, 8 setembro de 2026
A Xunta avanza nos traballos previos á posta en marcha da estación intermodal da Coruña, tras finalizar as obras da nova estación de autobuses e definir, en colaboración co Concello da Coruña, a configuración das liñas interurbanas.
Neste marco, nos últimos meses celebráronse cinco xuntanzas de traballo entre o persoal técnico da Xunta e do Concello da Coruña -unha en maio de 2025, outra en xaneiro deste ano, dúas en marzo e outra o pasado abril- nas que se analizaron e acordaron os itinerarios de entrada e saída da cidade dos autobuses interurbanos e as particularidades de cada un deles. En concreto, abordáronse os itinerarios, as paradas, un estudo de alternativas aos percorridos e paradas propostas polo Concello, así como a identificación e proposta de actuacións en puntos concretos, entre outras cuestións. Na actualidade estanse a ultimar posibles axustes nalgunhas paradas para optimizar o servizo, sen que estas modificacións afecten aos itinerarios definidos co Concello.
Neste sentido, a Xunta avaliou diversas alternativas co fin de facilitar ás persoas usuarias o acceso á rede de transporte interurbano desde distintos puntos da cidade e garantir a continuidade e a adecuada prestación dos servizos. Entre as alternativas analizadas incluíuse a creación de novas paradas en zonas próximas á actual estación de autobuses, co propósito de evitar modificacións nos percorridos que puidesen incrementar os tempos de viaxe e reducir os desprazamentos necesarios para acceder aos servizos da rede de transporte autonómico.
Como resultado destes traballos, o Goberno galego vén de remitir ao Concello da Coruña unha proposta formal para implantar unha nova parada na Ronda de Outeiro, número 95, en sentido saída da Coruña cara á Gaiteira, fronte ao CEIP San Francisco Javier e xunto ao parque de Oza, situado a uns 300 metros da actual estación. Polo tanto, a súa posición resulta máis próxima para as zonas de Elviña e Monelos que a propia estación actual.
A documentación trasladada inclúe a información técnica necesaria para analizar a súa viabilidade, así como a súa compatibilidade cos percorridos actuais das liñas e a súa contribución á mellora do acceso ao transporte público. Así, na carta enviada ao Concello aclárase que na zona non existe unha área habilitada como parada senón unha zona de aparcamento e de carga e descarga. Polo tanto, aclárase que a creación desta parada suporía a realización por parte do Concello das actuacións necesarias para adecuar o espazo habilitando unha zona de parada e mesmo valorar a instalación dunha marquesiña debido á concentración de persoas en horas punta.
Na carta, a Dirección Xeral de Mobilidade dá audiencia desta proposta ao Concello por un prazo de dez días en base ao establecido na Lei 2/2017 de medidas fiscais, administrativas e de ordenación. Así, o Concello ten ese prazo para presentar, se fose o caso, unha ou varias alternativas nas que xustifique o mantemento dunha análoga ou mellor funcionalidade para as persoas usuarias. Transcorrido ese prazo e tras analizar as alegacións resolverase o establecemento da nova parada.
Cómpre aclarar que a nova parada proposta pola Xunta na Ronda de Outeiro daría servizo dende A Coruña a todas as liñas que actualmente circulan pola Avenida da Pasaxe, canalizando a demanda dos concellos limítrofes -Culleredo, Oleiros, Cambre e Sada-, así como as liñas de Betanzos e Ferrol con parada nos centros hospitalarios da cidade.
O novo punto de parada incluiríase nas expedicións de saída dende A Coruña pola Avenida da Pasaxe e trataríase dunha parada exclusivamente de subida de viaxeiros, xa que en todas as concesións existe a prohibición de tráficos para viaxes con orixe e destino dentro do termo municipal da Coruña.