A Xunta destina máis de 438.200€ a 405 novas axudas para facilitar a incorporación ao mercado laboral de novos profesionais do transporte
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das subvencións outorgadas desde finais de febreiro a comezos de maio para cubrir os gastos de obtención do certificado de aptitude profesional e dos permisos de condución das clases C e D
A medida, posta en marcha o pasado ano, busca mellorar a empregabilidade dun sector da poboación, ademais de contribuír a paliar a escaseza de condutores para determinados vehículos
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026
A Xunta concedeu 405 novas axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e D, para a incorporación de profesionais ao mercado laboral. A suma das contías outorgadas ascende a máis de 438.200 euros, segundo recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. Trátase das subvencións concedidas dende o 20 de febreiro ata o 6 de maio no marco da convocatoria lanzada en agosto de 2025.
A través desta medida, o Goberno galego quere facilitar a incorporación de condutores profesionais ao mercado laboral. Búscase así darlles resposta ás queixas recorrentes do sector do transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada, debido á carencia de persoal que cumpra cos requisitos legais esixidos para o desenvolvemento da condución de determinados vehículos.
Con este obxectivo implantáronse dúas liñas que se puideron solicitar tanto de xeito independente como acumulativo. A través dunha delas subvenciónanse os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial ou de ampliación ou promoción, para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada. A outra liña subvenciona a obtención dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1, D1+E.
Para abarcar a maior porcentaxe de poboación posible, puido beneficiarse das axudas calquera persoa maior de idade, empadroada en Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable e que se matriculase na comunidade galega nun Centro de Formación CAP para a realización dun curso para a obtención do certificado de aptitude profesional ou nunha autoescola para a obtención do permiso de condución C ou D.
Na primeira liña fixouse unha contía máxima subvencionable por alumno para o curso de cualificación inicial, de mercadorías ou de viaxeiros e na modalidade ordinaria ou acelerada, de 1.200 euros e o curso de ampliación ou promoción, para os que xa tivesen a cualificación inicial nunha das dúas categorías e desexasen obter a outra, nun importe de 300 euros. Pola súa banda, para a outra liña estableceuse a contía máxima subvencionable por alumno para a obtención dos permisos de condución das clases C ou D de 1.200 euros.
Co lanzamento desta convocatoria, a Xunta quere mellorar as posibilidades de empregabilidade dun sector da poboación, ampliando as súas competencias e o seu currículo, como elemento de profesionalización, e promover a súa incorporación ao mercado laboral. De xeito simultáneo, inténtase paliar a escaseza de condutores profesionais, problema xeneralizado nas empresas de loxística da Unión Europea.