A Xunta reclama á alcaldesa da Coruña rigor e responsabilidade e que non terxiverse nas súas declaracións sobre a execución da estación intermodal
A directora xeral de Mobilidade aclara que as obras do edificio da estación ferroviaria corresponden a Adif, polo que critica que se trasladen á Administración autonómica cuestións que non son da súa competencia
O proxecto de Adif conta cun informe favorable do Consello Territorial de Patrimonio Histórico da Coruña pero o pronunciamento limítase só aos elementos con valor cultural en estruturas da antiga estación e non da fachada de recente construción á que se alude nin ao seu deseño
Judit Fontela lamenta a actitude da alcaldesa ao negar contacto co Goberno galego para reorganizar as rutas e os accesos en autobús á intermodal cando se celebraron ata cinco encontros co Concello para abordar este tema
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026
A Xunta reclama á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, responsabilidade e rigor nas súas declaracións sobre o proxecto da estación intermodal da Coruña. Nesta liña, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, pide á rexedora que non terxiverse cuestións relativas a esta infraestrutura estratéxica, e a súa posta a disposición para a cidadanía, que require da colaboración e coordinación de todas as administracións, cada unha no ámbito das súas competencias.
Por unha parte, a Xunta critica as declaracións da alcaldesa sobre o ámbito patrimonial do proxecto de Adif na estación intermodal —en concreto, no que se refire á estética da nova fachada—, nas que aludiu a que era o Goberno galego o que tiña que garantir o cumprimento das normas de patrimonio. Sobre este punto, cómpre aclarar que o proxecto de Adif conta cun informe favorable do Consello Territorial de Patrimonio Histórico da Coruña, do que o Concello é coñecedor desde a súa emisión en 2021. Pero o pronunciamento da Xunta limitouse só aos elementos con valor cultural. En concreto, trátase das estruturas relativas á antiga estación e non da fachada de recente construción nin do seu deseño, xa que estas son cuestións que se atopan fóra do ámbito delimitado.
Judit Fontela incide en que a alcaldesa non pode trasladar á Administración autonómica cuestións que corresponden ao edificio da estación ferroviaria, competencia de Adif. Así, o convenio da área intermodal da Coruña entre a Xunta, Adif e o Concello que ampara a execución das obras non inclúe en ningún aspecto a obra correspondente ao novo edificio da estación de ferrocarril que executa Adif.
Polo tanto, trátase de actuacións diferenciadas, con ámbitos, competencias e responsabilidades propias, pese a que as actuacións da Xunta e de Adif se coordinaron desde o inicio no que afecta aos ámbitos comúns de ambas as obras, isto é, o proxecto dos elementos comúns e do aparcadoiro, co obxectivo de garantir a súa adecuada integración. Neste sentido, a Dirección Xeral de Mobilidade non tivo acceso ao sistema de acabados previstos no proxecto de Adif nin aos modificados que tramita para as súas obras da ampliación do edificio da estación ferroviaria e só puido coñecer o que compete á conexión da pasarela e ás dimensións da cuberta das vías. Por iso, a directora xeral de Mobilidade considera necesario que a alcaldesa actúe con responsabilidade e non terxiverse a información nin atribúa á Administración autonómica competencias que non lle corresponden.
A Xunta investiu máis de 20 millóns de euros na nova estación de autobuses integrada na estación intermodal da Coruña-San Cristovo, no marco do convenio de colaboración entre o Goberno galego, Adif e o Concello, que mobiliza un investimento global de máis de 45 millóns de euros. Esta infraestrutura enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea, a través dos fondos Next Generation EU.
Cómpre aclarar tamén que a Xunta rematou en prazo, a finais do ano pasado, a parte da obra da estación intermodal que lle correspondía executar: a nova estación de autobuses, o aparcadoiro de vehículos e os elementos comúns entre a estación de autobuses e a estación ferroviaria. A remodelación da estación ferroviaria corresponde a Adif, mentres que os accesos nas avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril son executados e financiados polo Concello da Coruña.
Por outra parte, ante as declaracións de Inés Rey asegurando que non mantivo contacto co Goberno galego para reorganizar as rutas de autobús para a entrada e saída da nova intermodal, Judit Fontela lamenta esta actitude cando, pola contra, houbo ata cinco reunións específicas para abordar este asunto. De feito, celebráronse, no marco da planificación para a posta en marcha da estación intermodal, cinco encontros técnicos e específicos entre representantes da Dirección Xeral de Mobilidade e do Concello sobre os cinco corredores de acceso: un en maio de 2025, outro en xaneiro deste ano, dous en marzo e outro o pasado abril. Nestas reunións tratouse de maneira específica o deseño dos corredores de acceso á nova intermodal, analizando as particularidades de cada un deles. En concreto, abordáronse os itinerarios, as paradas, un estudo de alternativas aos percorridos e paradas propostas polo Concello, así como a identificación e proposta de actuacións en puntos concretos, entre outras cuestións.
Na actualidade, estase a traballar na posta en funcionamento da intermodal e na adaptación dos percorridos das liñas que deberán acceder á nova estación. Así, ademais destes cinco encontros, este ano tamén se celebraron outras reunións nas que se trataron aspectos relacionados coa apertura da nova estación intermodal.