O presidente da Xunta participou hoxe na inauguración do último treito do eixo de mobilidade sostible de Santiago de Compostela

Rueda salienta que a senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e Santiago é xa unha opción fronte ao vehículo particular

Subliña que este tramo, na que se investiron 7,5 M€ e cun traxecto de case 6 km, permitirá reforzar “a unión que houbo sempre entre estes dous concellos”

Fai fincapé no “esforzo de consenso” para “facer un trazado o máis agradable e o máis atractivo posible para todo o mundo”

A infraestrutura que entra hoxe en funcionamento completa unha ruta que permite chegar tamén ao Hospital Clínico e San Caetano, sumando en total 10,3 quilómetros e un investimento de 11,2 M€

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que a senda peonil e ciclista entre O Milladoiro (Ames) e Santiago de Compostela é xa unha opción fronte ao vehículo particular, cunha ruta integrada na paisaxe, accesible e conectada co transporte público, que contribúe así mesmo ás políticas de transición ecolóxica e de cambio climático.

O presidente, acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou hoxe na inauguración do último treito do eixo de mobilidade de Santiago de Compostela, que une O Milladoiro coa estación intermodal. Trátase dun traxecto de case 6 km no que a Xunta investiu 7,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos Next Generation, que desde hoxe xa se pode percorrer en bicicleta, a pé ou en vehículos de mobilidade persoal.

Tal e como apuntou o presidente, logo dun “esforzo de consenso” para “facer un trazado o máis agradable e o máis atractivo posible para todo o mundo”, ponse en marcha o último tramo da senda, que, segundo remarcou o presidente do Executivo autonómico está transformando xa a mobilidade entre Santiago e Ames, reforzando “a unión que houbo sempre entre estes dous concellos”.

O eixo de mobilidade sostible de Santiago de Compostela está composto por tres treitos —permite chegar tamén ao Hospital Clínico e San Caetano— e suma en total 10,3 quilómetros, cun investimento de 11,2 millóns de euros.

Segundo salientou o presidente, dáse así resposta a unha demanda social de conexións seguras para camiñar ou circular en bicicleta. Do mesmo xeito, contribúese a reducir as emisións ao medio ambiente, tendo en conta que se calcula que percorrer en bicicleta o  treito entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago de Compostela pode levar uns 20 minutos.

Rueda encadrou esta infraestrutura na aposta do Goberno galego por unha mobilidade sostible e saudable, apuntando que este tipo de actuacións “favorecen tamén a seguridade viaria”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2026