Allegue supervisa os traballos en execución de mellora do estacionamento público na contorna da ponte da Barca, no concello de Poio

Tal como recolle o convenio de colaboración co Concello, trátase dunha intervención de conservación e mellora no estacionamento e viarios adxacentes, para reforzar este espazo como nó de conexión comercial e urbano

Actúase na pavimentación do estacionamento, na mellora do firme e das beirarrúas existentes e promóvese a eliminación de barreiras arquitectónicas para acadar unha contorna máis segura, accesible e homoxénea

Poio (Pontevedra), 11 de outubro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada pola directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, supervisou hoxe os traballos en execución na contorna da ponte da Barca.  Trátase de dar cumprimento ao seguimento das actuacións en marcha no municipio de Poio ao abeiro do convenio de colaboración do plan Hurbe, entre a Xunta e o Concello de Poio.

O ámbito onde se está a desenvolver estas obras está situado na parroquia de San Salvador, nunha zona de elevada actividade comercial e de servizos, con presenza de tráfico rodado e peonil continuo. A contorna forma parte da estrutura viaria principal e conecta coa PO-308, constituíndo un espazo de gran relevancia para a mobilidade local.

Coa actuación en execución, están a mellorarse os viarios de acceso ao centro comercial e acondicionar o aparcamento público.  Así, está a rehabilitarse o firme, e a acondicionar as beirarrúas ao tempo que se eliminan as barreiras arquitectónicas, contribuíndo así a facilitar a mobilidade nun espazo tan frecuentado. O obxectivo é acadar unha zona máis segura, accesible e visualmente homoxénea, garantindo a continuidade dos itinerarios peonís e de vehículos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/10/2026