A Xunta asina o convenio de colaboración co Concello de Ares para executar un novo aparcadoiro disuasorio de máis de 200 prazas

O Goberno galego destinará máis de 220.000 euros a esta actuación, o que representa o 75% do orzamento total

A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Mobilidade, que inclúe entre os seus obxectivos o fomento de desprazamentos no motorizados con infraestruturas deste tipo que promoven o vehículo compartido e o transvase entre o vehículo privado e o transporte público

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, vén de asinar co alcalde de Ares, Julio Iglesias, o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo as obras para executar un aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido no concello. En concreto, á altura da marxe dereita do punto quilométrico 1+640 da estrada AC-123 ao seu paso polo municipio.

O Goberno galego destinará máis de 220.000 euros á obra -150.000 neste exercicio e os 70.000 restantes en 2027-, o que supón o 75% do orzamento global, que ascende a máis de 293.300 euros. O Concello asume o 25% cunha achega de máis de 73.300 euros.

Con este proxecto preténdese dotar este espazo de 216 prazas de estacionamento. Entre as actuacións previstas inclúense a aplicación de pavimento granular nas zonas de aparcamento e a xeración de zonas verdes, carrís de circulación en pavimento de formigón e bordo prefabricado na delimitación das prazas de estacionamento coas áreas verdes. Instalarase tamén canalización subterránea e iluminación, un hidrante de columna na parcela e a sinalización vertical e horizontal correspondente.

A iniciativa suporá unha mellora da ordenación do espazo público do termo municipal  de Ares, o que reverterá nunha mellor calidade de vida para a cidadanía, ao fomentar o transvase entre o vehículo privado e o transporte público.

A actuación enmárcase na Estratexia Galega de Mobilidade impulsada pola Xunta, que ten entre os seus obxectivos o fomento dos desprazamentos non motorizados nos ámbitos metropolitanos con medidas como os aparcadoiros disuasorios, as estacións intermodais ou as sendas peonís e ciclistas. Así, este convenio entre a Xunta e o Concello contribúe a promover un modelo de mobilidade máis seguro, sustentable e accesible. Neste caso, mellórase a seguridade e a accesibilidade ao centro urbano e á zona de praias do Concello, así como á parada interurbana no Cruce Seselle, un punto de circulación con elevada intensidade de tráfico co obxecto de evitar que os vehículos particulares accedan ao centro urbano.

Data de actualización: 18/08/2026