A Xunta defende un servizo nocturno de transporte adaptado ás necesidades de mobilidade nas épocas de maior demanda

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, sinala no Parlamento que actualmente se realizan máis de 3.400 servizos nocturnos ao ano

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, incidiu hoxe no Parlamento na necesidade de adaptar a oferta de transporte nocturno ás necesidades de mobilidade da poboación.

Durante a súa intervención, Judit Fontela lembrou que a Xunta organiza estes servizos en función da demanda. Así, mantén oito rutas nocturnas nas fins de semana durante todo o ano, reforza a oferta nas épocas estivais nas zonas de maior afluencia e establece liñas especiais coincidindo coa celebración de festivais e festas populares.

A directora xeral sinalou que actualmente se realizan máis de 3.400 servizos nocturnos ao ano e destacou que a demanda se incrementa especialmente durante o verán, como reflicten as máis de 17.000 persoas usuarias rexistradas no pasado mes de agosto.

Fontela lembrou tamén que, no caso de consideralo necesario, os concellos poden promover liñas nocturnas no ámbito local e solicitar a colaboración da Xunta a través de convenios de servizos de interese municipal (SIMU) para poñelas en funcionamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/10/2026