Villaverde reúnese en Bruxelas co relator da Eurocámara que defende o informe sobre o novo Marco Financeiro Plurianual
Na xuntanza con André Franqueira Rodrigues abordaron o a situación das propostas futuro financiamento comunitario do sector para o período 2028-2034
A Xunta defende que os 7.290 M€ propostos desde a Eurocámara constitúan unha asignación mínima garantida para a pesca e a acuicultura
Bruxelas (Bélxica), 9 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión no Parlamento Europeo co eurodeputado André Franqueira Rodrigues, relator da Comisión de Pesca (PECH) da Eurocámara para o informe sobre o futuro financiamento europeo da pesca e da acuicultura no Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.
Durante o encontro, a responsable autonómica trasladoulle a posición de Galicia, que incide na necesidade de garantir no futuro orzamento comunitario unha partida específica, suficiente e claramente identificable para o sector, evitando que os seus recursos queden diluídos nun fondo común no que teñan que competir con outro tipo de proxectos de outras políticas.
Villaverde puxo en valor que o texto defendido polo relator da Comisión de Pesca recolla unha asignación mínima de 7.290 M€ para a Política Pesqueira Común e a acuicultura, e subliñou a importancia de que esta cantidade actúe como un solo financeiro durante as negociacións e quede protexida fronte a posibles transferencias cara a outros ámbitos. Esta proposta busca, precisamente, evitar que os fondos destinados ao sector poidan perder peso dentro dos novos plans nacionais previstos pola Comisión Europea.
A conselleira salientou ademais a especial relevancia desta negociación para España e, particularmente, para Galicia. Segundo a proposta analizada pola Comisión de Pesca, España contaría cunha asignación mínima de 1.538,6 M€, a máis elevada dos Estados membros, nun contexto no que a nosa comunidade concentra unha parte fundamental da actividade pesqueira, acuícola e transformadora do país.
Villaverde lembrou que a Xunta mantén desde que se coñeceu a proposta inicial da Comisión Europea unha posición firme en defensa dun fondo específico para a pesca e a acuicultura, cunha dotación acorde cos retos que debe afrontar o sector nos próximos anos. Entre eles citou a renovación e modernización da flota, a mellora da seguridade e da eficiencia enerxética dos buques, a remuda xeracional e o apoio ao conxunto da cadea mar-industria.
Neste sentido, recordou que o Consello Galego de Pesca aprobou, por unanimidade, un ditame contrario á proposta inicial da Comisión Europea, ao entender que a desaparición dun instrumento financeiro propio para o sector e a forte redución dos fondos comprometidos suporían un grave prexuízo para a principal rexión pesqueira de Europa.
A titular de Mar incidiu tamén na necesidade de manter a capacidade de xestión das rexións pesqueiras e evitar unha excesiva centralización dos recursos nos Estados membros, de maneira que territorios como Galicia poidan seguir participando directamente na definición das prioridades de investimento que afectan ao seu sector.
A reunión con André Franqueira Rodrigues enmárcase na axenda de contactos que a Xunta vén desenvolvendo nas institucións europeas para sumar apoios durante a negociación do novo Marco Financeiro Plurianual. A Consellería do Mar defende que o resultado final garanta recursos suficientes e estables para que a pesca e a acuicultura europeas poidan avanzar na súa modernización sen perder competitividade nin capacidade produtiva.