O conselleiro de Sanidade respondeu no Pleno do Parlamento a unha interpelación sobre a planificación dos recursos da sanidade pública galega durante o verán

Gómez Caamaño subliña que a planificación do Servizo Galego de Saúde permitiu realizar este verán un 4,8 % máis de consultas e un 2,3 % máis de probas nos hospitais galegos

Destaca que entre xuño e agosto os hospitais realizaron 54.896 consultas e 23.034 probas diagnósticas máis que no mesmo período de 2025

No ámbito hospitalario atendéronse 309.657 urxencias hospitalarias

A Xunta destinou máis de 10,1 M€ á planificación estival, incluíndo as substitucións e os reforzos

O sanitario público galego contou este verán cunha bolsa de 1.049 profesionais voluntarios e retivo 237 dos 306 facultativos que remataron a súa formación especializada en Galicia

A atención primaria realizou máis de 6 millóns de consultas, 126.000 máis que o ano anterior, mentres que os PAC atenderon a 482.153 pacientes, un 6,9 % máis

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou esta mañá no Parlamento de Galicia que a planificación do Servizo Galego de Saúde para o verán permitiu incrementar a actividade asistencial respecto do mesmo período de 2025. Así, entre xuño e agosto, os hospitais galegos realizaron 54.896 consultas máis, incrementando nun 4,87 % a súa actividade, e 23.034 probas diagnósticas máis, un aumento do 2,36 %.

Tal e como detallou o conselleiro, o Plan sanitario de verán de Galicia 2026, activo desde xuño e dotado con máis de 10,1 millóns de euros, integra as medidas de saúde pública, atención primaria e asistencia hospitalaria necesarias para responder ás necesidades propias do período estival. Entre elas, atópanse iniciativas como a vixilancia das augas de consumo e zonas de baño, as alertas por altas temperaturas, o control da calidade do aire, o dispositivo especial da eclipse total do 12 de agosto, ou os recursos destinados á xestión ordinaria, substitucións e reforzos.

Ademais, activouse unha bolsa de 1.049 profesionais voluntarios, con 239 facultativos e 810 profesionais de enfermería. Ademais, habilitouse a mobilidade temporal voluntaria cara aos centros con maiores necesidades e reforzos puntuais en festas e acontecementos de elevada afluencia.

Máis actividade en atención primaria e hospitalaria

Os centros de saúde realizaron 6.107.908 consultas entre xuño e agosto, arredor de 126.000 máis que no mesmo período de 2025. Nos PAC atendéronse 482.153 pacientes, un 6,9 % máis que o ano anterior, mantendo a cobertura de acordo cos criterios de voluntariedade establecidos cos representantes dos profesionais.

Esta capacidade asistencial acompáñase dun reforzo estrutural da atención primaria, que conta en 2026 cun orzamento de 1.747 millóns de euros, o equivalente ao 31,57 % do orzamento sanitario.

No ámbito hospitalario, o incremento da actividade no verán tamén se viu reflectido nas urxencias. Durante os meses de verán atendéronse 309.657 urxencias hospitalarias, 7.656 máis que no mesmo período do ano anterior.

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou que estes resultados son froito dunha planificación realizada con antelación, da adaptación dos recursos ás necesidades de cada territorio e do compromiso dos profesionais, que permitiron manter a atención sanitaria durante o verán e responder ao incremento da demanda.

Reforzo e incorporación de profesionais

A planificación do Sergas tamén permitiu reforzar os equipos con novos especialistas e avanzar na fidelización dos profesionais formados en Galicia. Este ano, a sanidade pública galega conseguiu incorporar unha ampla maioría dos facultativos que remataron a súa formación especializada na comunidade.

En concreto, o sistema sanitario público galego retivo 237 dos 306 facultativos que remataron a súa formación especializada, o 77,45 %. Entre eles están 96 dos 114 especialistas que se incorporaron na especialidade de medicina familiar e comunitaria, ademais dos 14 especialistas en pediatría e os 29 facultativos vinculados ás urxencias hospitalarias.

Os datos avalan pois, -concluíu o conselleiro-, que no verán houbo planificación, que os recursos estiveron dispoñibles, que os profesionais responderon, que a actividade medrou e que a reforma da atención primaria que está a impulsar a Xunta continúa.

Data de actualización: 09/09/2026