O delegado de Pontevedra visita a EEI Crespo Rivas con motivo do inicio do curso escolar

O centro estrea un novo sistema de iluminación máis eficiente grazas a un investimento autonómico de preto de 50.000 euros

Preto de 300.000 alumnos e alumnas comezan este curso en Galicia, dos que case 12.000 corresponden ao concello de Pontevedra

Pontevedra, 9 de setembro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá a Escola de Educación Infantil Crespo Rivas con motivo do inicio do novo curso escolar.

Durante a visita, o delegado puido coñecer de primeira man o desenvolvemento do inicio do curso no centro e comprobar o resultado das obras de renovación das luminarias realizadas recentemente.

A actuación permitiu substituír o sistema de iluminación do centro por novas luminarias máis eficientes, contribuíndo a mellorar as condicións das instalacións e, ao mesmo tempo, a avanzar cara a un modelo de centros educativos máis sostibles e eficientes desde o punto de vista enerxético.

Os traballos supuxeron un investimento por parte da Xunta de Galicia próximo aos 50.000 euros, dentro das actuacións que o Goberno galego impulsa para a conservación, modernización e mellora das infraestruturas educativas.

O delegado territorial destacou que “comezamos un novo curso escolar cunha aposta clara por que os nosos centros educativos estean nas mellores condicións posibles para que o alumnado e o profesorado poidan desenvolver a súa actividade con todas as garantías”.

O delegado territorial puxo tamén en valor o inicio do curso escolar 2026/27, no que preto de 300.000 alumnos e alumnas regresan ás aulas en Galicia.

No caso do concello de Pontevedra, son case 12.000 estudantes os que comezan o novo curso nos diferentes niveis educativos, unha comunidade educativa que conta coa implicación do profesorado, dos equipos directivos e das familias.

Pablo Fernández explicou que, pese á baixada no número de alumnos, este ano “os centros educativos contarán con máis docentes que o ano pasado e é especialmente importante destacar os 150 docentes especializados en atención á diversidade que se incorporan hoxe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2026