A Xunta resolve os procedementos de elección de destino das persoas empregadas públicas e avanza cara a un modelo de mobilidade continuo e previsible

Nas vindeiras semanas tomarán posesión preto de 3.000 persoas de corpos xerais, 1.075 no concurso de traslados, preto de 1.100 nos procesos selectivos e máis de 750 nos procesos selectivos de estabilización

A coordinación das tomas de posesión derivadas da resolución dos concursos de traslados e dos actos de elección de destino permitiu que a prestación dos servizos públicos non se vise afectada nun movemento de persoal sen precedentes

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026

A Xunta resolve os procedementos de elección de destino das persoas empregadas públicas e avanza cara a un modelo de mobilidade continuo, recorrente e previsible. Nas vindeiras semanas tomarán posesión preto de 3.000 persoas de corpos xerais, 1.075 no concurso de traslados, preto de 1.100 nos procesos selectivos ordinarios ou de funcionarización e máis de 750 nos procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021.

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, compareceu hoxe na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar o proceso dirixido á promoción, estabilización e mellora do emprego público na Comunidade, que responde “a unha planificación sostida no tempo, unha vontade clara de ordenar a mobilidade do persoal e a un compromiso firme por ofrecer estabilidade e oportunidades reais de desenvolvemento profesional ao persoal empregado público”.

Neste sentido, Nuria Aguilar lembrou que en maio se puxo en marcha o proxecto piloto para testar a convocatoria dun concurso aberto e permanente na Administración xeral, que permitirá avanzar cara a unha xestión máis dinámica da provisión de postos, cun sistema adaptado ás necesidades actuais da organización administrativa e tamén ás expectativas lexítimas das persoas empregadas públicas. A Administración autonómica avanza para superar a lóxica de convocatorias illadas e consolidar un modelo no que a mobilidade ordinaria poida artellarse de maneira continua, recorrente e previsible.

A resolución dos procesos extraordinarios de estabilización e dos procesos de promoción e mobilidade do persoal na Xunta de Galicia viuse afectada de forma significativa polas sentenzas xudiciais relativas aos destinos provisionais e o Goberno galego traballou arreo para dar o mellor servizo á cidadanía e as mellores solucións ao persoal empregado público.

Así, segundo explicou a responsable de Emprego Público, convocáronse “os concursos de traslados de todos os corpos, escalas e especialidades para que as persoas con maior antigüidade tiveran preferencia á hora de seleccionar posto”.  Así, debullou Aguilar, en primeiro lugar elixen as persoas con máis antigüidade na administración, que participaron no correspondente concurso de traslados. En segundo lugar, elixen as que se atopan prestando servizos en adscrición provisional, pendentes dun primeiro destino definitivo. E, en terceiro lugar, elixen as que superaron procesos selectivos de estabilización.

Continuidade da prestación dos servizos

A prioridade neste movemento de persoal sen precedentes, explicou a directora de Emprego Público, era non afectar á prestación dos servizos públicos. Ademais, para asegurar a transmisión de coñecemento entre persoal de corpos xerais, elaborouse un protocolo para “garantir a continuidade e calidade dos servizos públicos durante o proceso de toma de posesión”, así como minimizar as posibles disfuncións derivadas da mobilidade simultánea dun elevado número de efectivos e asegurar a transmisión ordenada do coñecemento entre o persoal saínte e entrante.

Convocatoria de procesos ordinarios

Nuria Aguilar salientou que ao mesmo tempo que se tramitaron os procesos selectivos extraordinarios de estabilización e se resolveron os concursos de traslados, se continuou “co desenvolvemento e convocatoria de procesos selectivos ordinarios de acceso libre e de promoción interna, para garantir o acceso ao emprego público de calidade das galegas e galegos”.

Malia a complexidade do proceso, puideron compatibilizarse “ambas liñas de actuación con normalidade, con rigor e con pleno respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e seguridade xurídica”, priorizando a calidade e a atención nos servizos á poboación galega, concluíu a directora de Emprego Público.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2026