A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, defendeu con datos a capacidade resolutiva do sistema de atención telefónica da Sanidade pública galega
Sanidade salienta a utilidade do sistema de atención telefónica CRM100 para garantir resposta a todas as chamadas rexistradas nos centros de saúde
López Linares subliña que o modelo da Xunta combina o traballo dos profesionais públicos con ferramentas tecnolóxicas co obxectivo de acadar unha maior eficiencia e equidade no ámbito da atención sanitaria
Desde a súa posta en marcha, o sistema CRM100 resolveu máis de 8,7 millóns de chamadas, dando resposta a máis do 95 % das solicitudes no mesmo día
Este sistema telefónico, implantado en 457 centros de saúde, permite que ningunha chamada quede sen resposta, cun tempo medio de devolución inferior aos 41 minutos
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, defendeu esta mañá no Parlamento de Galicia a capacidade resolutiva do sistema de atención telefónica CRM100, co que o Servizo Galego de Saúde garante que a totalidade das chamadas realizadas polos usuarios sexan atendidas.
No marco da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento galego, a responsable sanitaria precisou que o sistema intelixente CRM100 xa se atopa implantado en 457 centros de saúde, beneficiando xa ao 97 % da poboación galega. Así, explicou que permite resolver o 95 % das chamadas no mesmo día, e que o tempo medio de resposta inferior aos 41 minutos.
“Desde a súa posta en marcha, o CRM100 resolveu máis de 8,7 millóns de contactos, xestionando máis do 95 % das solicitudes no mesmo día”, subliñou a directora xeral.
López Linares apuntou que a atención telefónica ordinaria, aquela que se realiza dentro do horario de funcionamento dos centros de saúde, é prestada integramente por profesionais administrativos do Servizo Galego de Saúde.
Xunto con sito, indicou que existe unha central de apoio como servizo complementario que actúa naquelas franxas horarias nas que os centros de saúde non dispoñen de persoal administrativo presencial (primeiras horas da mañá -de 6.00 a 8.00 h-, e en horario de tarde naqueles centros que só contan con xornada de mañá).
Este servizo de apoio, abundou a directora xeral “xestiona arredor de 22.500 casos ao ano”, é dicir, aproximadamente unha 2.000 chamadas ao mes.
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria puxo en valor a aposta da Consellería polo reforzo do persoal de servizos xerais. Así, lembrou que o Servizo Galego de Saúde “incrementou ese persoal en máis dun 75 % desde o ano 2008, pasando de 943 efectivos a máis de 1.650 na actualidade”.
Finalmente, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria pechou a súa intervención destacando a aposta do Goberno galego pola innovación tecnolóxica e o uso eficiente dos recursos existentes. Búscase, dixo, un modelo de xestión que cuxo obxectivo acadar un sistema sanitario máis accesible, equitativo e co que se mellore a atención cidadá.