O conselleiro de Sanidade clausurou a xornada con motivo do Día Mundial para a prevención do suicidio
Gómez Caamaño salienta que o novo Plan de Saúde Mental prevé un modelo común de prevención da conduta suicida en Galicia con especial atención aos maiores e adolescentes
Avanza que a Xunta prevé estender o programa YAM a todo o alumnado de 3º da ESO de Galicia o vindeiro curso, tras acadar xa os 231 centros
Remarca a importancia de abordar a conduta suicida con responsabilidade, combatendo o estigma e reforzando a capacidade para previr e chegar antes
Subliña que o novo plan da Xunta posibilitará avanzar cara a un modelo común para toda Galicia, con unidades e programas de prevención, garantindo unha atención máis especializada, accesible e homoxénea
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que o novo Plan de Saúde mental 2026-2030 do Goberno galego prevé un modelo común de prevención da conduta suicida na nosa comunidade, con especial atención aos maiores e adolescentes.
O titular da carteira sanitaria clausurou no Edificio Administrativo de San Lázaro, unha xornada con motivo do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, que foi inaugurada polo director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva.
Na súa intervención, o máximo responsable do Sergas remarcou a importancia de abordar a conduta suicida con responsabilidade, combatendo o estigma e reforzando a capacidade para previr e chegar antes.
A este respecto, Gómez Caamaño referiu que a prevención da conducta suicida está no núcleo do novo Plan de saúde mental e o obxectivo da Xunta é estandarizar e ampliar os programas especializados para que exista un único modelo de abordaxe da conduta suicida nas sete áreas sanitarias, con protocolos comúns, circuítos e tempos de resposta definidos e equipos multidisciplinares.
O conselleiro referiu que, mediante este plan, o seu departamento avanzará cara a un modelo común para toda Galicia, con unidades e programas de prevención, garantindo unha atención máis especializada, accesible e homoxénea.
Gómez Caamaño puxo en valor o programa YAM da Consellería de Sanidade, dirixido á protección da saúde mental entre 13 a 17 anos, no que levan participado preto de 16.000 alumnos e alumnas. Neste curso, Sanidade incorporará 68 centros educativos máis ata acadar os 231 e coa previsión de atender a 12.000 alumnos máis. Ademais a Xunta ten como obxectivo estender o programa YAM a todo o alumnado de 3º da ESO no vindeiro curso.
Vixilancia epidemiolóxica e acompañamento ás familias
O máximo responsable do Sergas destacou que Galicia participa desde o pasado ano no Comité técnico de vixilancia epidemiolóxica en saúde mental, onde se está a traballar na definición e homoxeneización dos datos para construír un sistema común de información. Este traballo ten continuidade no novo Plan, que prevé un novo marco de vixilancia, cuxa primeira fase centrarase na conduta suicida e os trastornos adictivos.
Tamén incidiu o conselleiro na importancia de acompañar ás familias e ás persoas achegadas afectadas por un suicidio, ofrecendo apoio psicolóxico e social, detectando posibles necesidades asistenciais e identificando situacións de risco. Neste apartado, o departamento sanitario galego quere avanzar na definición dun protocolo específico, no que será fundamental a colaboración coas entidades do terceiro sector.
Na súa intervención na xornada, o conselleiro destacou os recursos para a abordaxe da conduta suicida que a Xunta foi incorporando neste ámbito, entre os que citou as sete unidades de prevención intensiva, unha en cada área sanitaria; o Código Agarimo, vía rápida para menores en risco, ou iniciativas como Aloumiños, dirixida a combater a soidade non desexada.
A este respecto, considerou unha medida imprescindible, recollida no novo Plan estratéxico de saúde mental 2026-2030, o rexistro na historia clínica do paciente do risco de estar en soidade non desexada.
No marco da xornada, que foi inaugurada pola subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, Almudena Díaz, celebráronse dúas mesas, unha sobre A vixilancia epidemiolóxica da conduta suicida: coñecer para previr, moderada por Manuel Arrojo, coordinador asistencial de Saúde Mental do Sergas; e unha segunda sobre A Relevancia da posvención: coidar despois do suicidio, moderada por Yolanda Triñanes, xefa do servizo de Atención á Saúde Mental do Sergas.