O Teu Xacobeo achega a colectivos con diversidade funcional os valores do camiño a través do proxecto MIP Natura

O comisario do Xacobeo 2027 confirma o compromiso de O Teu Xacobeo por promover a inclusión e ofrecer propostas culturais de calidade a todos os públicos

A iniciativa arranca este xoves en Betanzos con obradoiros de musicoterapia para persoas con diversidade funcional e culminará en Melide cun concerto aberto ao público no que participará a Banda de Música de Arca e Rosa Cedrón

Betanzos (A Coruña), 10 de setembro de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta tarde, na Fundación Hospitalarias de Betanzos, na presentación de MIP Natura (Músicas Inclusivas e Participativas), unha iniciativa que emprega a música e as artes como ferramentas para favorecer a inclusión social das persoas con diversidade funcional e promover os valores do Camiño de Santiago. MIP Natura forma parte dos 55 proxectos apoiados este ano polo programa O Teu Xacobeo, impulsado por Turismo de Galicia, cun investimento próximo a 1 millón de euros. Ao longo de 2026, estes proxectos permitirán desenvolver preto de 300 accións culturais, deportivas e sociais por toda Galicia, reforzando a programación vinculada ao Xacobeo 2027.

O acto coincidiu coa posta en marcha do proxecto e o primeiro dos obradoiros que se desenvolverán, todos eles, con colectivos de artistas con diversidade funcional en catro centros colaboradores. Promovido pola axencia Musicarte e coordinado polo musicoterapeuta Robert Pier, esta primeira actividade desenvolveuse na Fundación Hospitalarias de Betanzos cun grupo de dez persoas. Outros centros que acollerán estes obradoiros serán Amarai (Boimorto), Fudace (Castro de Rei) ou o Centro ocupacional de Melide. O proceso culmina cun concerto final, o 19 de novembro, aberto ao público no Auditorio de Melide, no que ademais dos participantes nesta iniciativa, participarán artistas galegos de renome internacional como Rosa Cedrón e outros como Davide Leira (pandereteiro), Ricardo Prado e a Banda de Música de Arca do Pino, conformando pro cerca de 90 músicos.

Durante a presentación, Marcos Gómez Román puxo en valor o papel de O Teu Xacobeo como unha ferramenta para impulsar proxectos que fan da cultura un espazo de participación, inclusión e benestar, achegando os valores xacobeos a públicos diversos a través do apoio decidido a entidades que desenvolven unha importante labor social.

MIP Natura tamén promove hábitos de coidado do medio ambiente e sensibilización sobre a contorna natural dos Camiños de Santiago xa que nos obradoiros inclúense catro mantras ambientais sobre os elementos -auga, aire, terra e lume- e as estacións.

Outros proxectos inclusivos de O Teu Xacobeo

Dentro da programación de O Teu Xacobeo, estanse a impulsar diferentes accións para achegar o Camiño de Santiago e os seus valores a públicos e colectivos con necesidades diversas.

Entre elas destacan Camiño de lembranzas, unha iniciativa dirixida a persoas con demencia que emprega a memoria e o patrimonio do Camiño como ferramenta de acompañamento; Evocamiño, que ofrece experiencias inmersivas e de realidade virtual para achegar o Camiño a persoas que non poden realizalo por idade ou deterioro cognitivo ou Aínda estamos de festa: o Xacobeo dos veteráns, un proxecto cultural itinerante con actuacións cómico-musicais en residencias e centros de maiores, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2026