A Xunta fai un chamamento á cidadanía para extremar en setembro as medidas de prevención fronte ao mosquito tigre

As altas temperaturas das últimas semanas e as recentes precipitacións poden favorecer a actividade e reprodución durante este mes

A presenza do mosquito tigre está confirmada este ano en 10 concellos galegos, tras os novos achados de Soutomaior e Tomiño

Proximamente realizaranse publicacións quincenais cos resultados dos trampeos municipais na web de Saúde Pública

Recoméndase evitar acumulacións de auga en recipientes ou zonas do exterior

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2026

A Xunta fai un chamamento á cidadanía para extremar en setembro as medidas de prevención fronte ao mosquito tigre, ante unhas condicións meteorolóxicas que poden favorecer a súa actividade e reprodución.

Esta foi unha das cuestións abordadas hoxe no segundo Comité Técnico Interdepartamental do Mosquito Tigre de 2026. A reunión, convocada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, permitiu revisar a evolución da vixilancia entomolóxica e epidemiolóxica en Galicia.

As altas temperaturas rexistradas nas últimas semanas, xunto coas recentes precipitacións, poden favorecer a aparición de novos puntos de cría. Ademais, de acordo co comportamento histórico, setembro adoita ser un período de elevada actividade, polo que resulta especialmente importante intensificar as medidas preventivas.

Na reunión participaron representantes da Consellería de Medio Ambiente, da área sanitaria de Vigo, da dirección territorial de Emerxencias de Pontevedra e dos departamentos territoriais de Sanidade de Pontevedra e A Coruña, así como os entomólogos da Universidade de Vigo, membros da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec). Tamén estiveron convocados os 15 concellos nos que se confirmou a presenza do mosquito tigre.

A principal novidade respecto da reunión anterior foi a incorporación de Soutomaior e Tomiño, onde Regavivec confirmou recentemente a presenza do mosquito tigre. En total, no que vai de 2026 está confirmada a presenza do vector en 10 concellos galegos: A Coruña, Bueu, Moaña, Mos, O Porriño, Ponteareas, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Vigo.

Control e seguimento do mosquito tigre en Galicia

Durante o comité revisouse a evolución do mosquito tigre en Europa e no territorio nacional, a partir da información do Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC).

No caso de Galicia, revisáronse tamén as notificacións recibidas a través de ‘Mosquito Alert’, a aplicación que permite á cidadanía comunicar posibles avistamentos e achegar fotografías para facilitar a súa identificación. Neste senso, lémbrase que a notificación dun caso na aplicación non implica por si mesma a confirmación da presenza do mosquito tigre, senón que require unha verificación posterior polo persoal da Rede Galega de Vixilancia en Vectores (Regavivec).

Desde a Dirección Xeral de Saúde Pública tamén se abordou a vixilancia epidemiolóxica realizada das enfermidades que pode transmitir este vector: o zika e o chikungunya. Indicouse que todos os casos detectados ata este momento son importados.

No marco da vixilancia entomolóxica -centrada no seguimento dos insectos que poden transmitir enfermidades-, os entomólogos da Universidade de Vigo expuxeron os resultados dos trampeos realizados ata o momento coa colaboración de diferentes concellos galegos, confirmando mostras positivas nos diferentes puntos, agás na Coruña, onde as mostras posteriores ao achado inicial resultaron negativas.

Finalmente, no marco das actuacións previstas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, informouse da próxima publicación de boletíns quincenais na web de Saúde Pública cos resultados dos trampeos municipais, co obxectivo de facilitar información actualizada sobre a evolución do mosquito tigre en Galicia.

Medidas de prevención

Un dos aspectos destacados durante a reunión foi a necesidade de manter e intensificar as medidas preventivas durante o mes de setembro, especialmente evitando a acumulación de auga en recipientes, obxectos ou zonas do exterior que poidan converterse en puntos de cría.

Para iso, recoméndase baleirar os recipientes cada 3-4 días, cubrir aqueles que permanezan ao aire libre, manter cubertas as piscinas e balsas cando non se utilicen e limpar regularmente canles, desaugadoiros e zonas de drenaxe.

Por outra banda, tamén se debe evitar a formación de acumulacións de auga en charcos ou franxas do terreo e cubrir con terra os ocos das árbores que poidan acumulala.

A información sobre o mosquito tigre e todas as recomendacións para previr a súa proliferación pode consultarse na páxina web de Saúde Pública.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2026