A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á ampliación dun campamento de turismo en Mazaricos

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O proxecto ocupará unha superficie de máis de 10.000 m2 na parroquia de Santiago de Arcos e suporá construír oito novas cabanas, así como un almacén e a remodelación de instalacións xa existentes

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental con condicións ao proxecto para ampliar un campamento de turismo no lugar do Fieiro, parroquia de Santiago de Arcos, no concello de Mazaricos.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia deseñado ao abeiro da iniciativa.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de seis organismos interesados.

Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; das augas e leitos fluviais; do solo e infraestruturas; do patrimonio natural e cultural, así como nos eidos da integración paisaxística e da xestión de residuos.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente elixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo —a Axencia de Turismo de Galicia— e dáselle publicidade mediante o correspondente anuncio no DOG e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

En canto ao proxecto, promovido por Cabañas O Fieiro, S.L., consiste na ampliación dun campamento xa existente na contorna e que se compón na actualidade de sete cabanas, unha instalación de servizos e un almacén. En concreto, o novo proxecto consiste na construción de oito novas cabanas e un novo almacén na parcela limítrofe -de máis de 10.000 metros cadrados- coa actual instalación. A maiores, tamén se prevé remodelar o actual almacén para convertelo nun novo espazo no que se poderían albergar a dúas persoas.

Data de actualización: 11/09/2026