Tras de pasar polos trámites de consulta pública e ser aprobado polo Consello da Xunta

A Xunta oficializa coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia o proxecto para mellorar a seguridade dos peregrinos no Camiño Fisterra-Muxía

No marco do Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago, realizaranse traballos de segregación en once tramos deste itinerario coincidentes con estradas e renovarase unha senda xa existente

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación definitiva do proxecto de trazado dos treitos comúns no Camiño Fisterra-Muxía, tras dar o pasado 31 de agosto o Consello da Xunta o seu visto e prace.

O texto recolle a execución de once sendas peonís segregadas en diversos treitos do Camiño de Santiago de Fisterra e Muxía, no que a ruta coincide con estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal. Concretamente, veranse afectados tramos nos concellos de Santiago de Compostela, Negreira, Dumbría, Corcubión, Cee e Muxía.

Ademais, de forma complementaria, está prevista a renovación estrutural dunha senda existente no concello de Mazaricos e a mellora da sinalización vertical en diversos tramos adicionais de estradas provinciais e locais.

O proxecto foi aprobado provisionalmente no mes de febreiro, tras do que se someteu aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas. Unha vez analizadas e respondidas as alegacións realizadas, chegou ao Consello da Xunta, onde foi aprobado para a súa publicación oficial.

Ademais, a aprobación definitiva do proxecto de trazado implica, entre outras cousas, a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das actuacións.

As obras buscan mellorar a seguridade viaria para as persoas que realizan este itinerario, reducindo a exposición ao tráfico rodado, así como fomentar a mobilidade sostible. Ademais, as accións englóbanse no plan da Xunta de Galicia de mellora da seguridade viaria dos Camiños de Santiago que actúa nos distintos itinerarios xacobeos para incrementar a seguridade, dentro do que se prevén traballos en máis de 150 quilómetros, cun orzamento estimado de ata 40M€.

No que vai de ano, 2.120 persoas percorreron o Camiño de Fisterra-Muxía -un 67% de orixe nacional-, segundo os datos da Oficina do Peregrino. Isto supón un 9% máis que no mesmo período de 2025.

Data de actualización: 11/09/2026