O conselleiro de Sanidade visitou a nova unidade de resonancia magnética para a Unidade de Diagnose por Imaxe de Galaria, con base no Hospital Meixoeiro
Gómez Caamaño destaca o investimento de máis de 1,7 M€ na nova resonancia móbil con base no Meixoeiro, a primeira deste modelo avanzado na sanidade pública española
O novo equipamento incorpora intelixencia artificial aplicada ao posicionamento e reconstrución das imaxes para favorecer a súa calidade e axilizar procesos
Mellórase a accesibilidade e o confort das probas cunha apertura máis ampla de 70 centímetros
A unidade é de alto campo, cun imán de entre 1,5 e 3 teslas para ofrecer imaxes máis nítidas
O cadro de persoal está conformado por 9 profesionais que comezarán a súa formación este mesmo mes
O programa de resonancias magnéticas móbiles iniciou hai 20 anos e xa beneficiou a máis de 364.120 pacientes, reducindo en preto de 40 millóns os quilómetros en desprazamentos evitados
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou hoxe a nova unidade resonancia magnética móbil con base no Hospital Meixoeiro. Este equipo é o máis avanzado na sanidade pública de España e conta cun investimento da Xunta de 1.724.044 euros.
Durante a visita, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, do director xeral de Integración e Innovación Asistencial, Alfredo Silva, do xerente da área sanitaria, Javier Puente, e da xerente de Galaria, Rocío Mosquera.
O novo equipamento inclúe tecnoloxía punteira coa incorporación da intelixencia artificial aplicada ao posicionamento e reconstrución das imaxes. Isto permite reducir o ruído e axilizar os procesos de diagnóstico, especialmente en pacientes con dor, tremor ou dificultades para colaborar.
Ademais, incorpora importantes melloras na accesibilidade e confort. Entre elas destaca a apertura de 70 centímetros fronte aos 60 dos modelos convencionais e unha menor lonxitude do tubo, facendo que a exploración sexa máis cómoda.
A unidade de alto campo conta tamén cun potente imán, de entre 1,5 e 3 teslas, que permite xerar imaxes cunha nitidez moi superior e reducir o ruído das probas. Deste xeito, estas unidades son capaces de ofrecer uns resultados equivalentes aos que se obteñen nas resonancias fixas dos centros hospitalarios.
Outras das novidades que incorpora a unidade son as melloras desde o punto de vista ecolóxico e a redución dos custos operativos, reducindo en máis dun 30 % a necesidade de helio.
A unidade contará cun cadro de persoal de 3 técnicos especialistas, 3 enfermeiros, 2 facultativos especialistas en radiodiagnóstico e 1 auxiliar administrativo. A súa formación comezará este mesmo mes de setembro e terá unha duración de dúas semanas: unha de carácter teórico -sobre o uso de todos os programas e equipamento- e outra con pacientes, para comprobar que a calidade dos resultados e o confort das probas sexan óptimos.
A sanidade Galega, pioneira no sistema de resonancias móbiles
Galicia é a única comunidade española que dispón dun sistema público e estruturado de unidades móbiles de resonancia magnética.
O programa, xestionado pola entidade Galaria a través da Unidade de Diagnóstico por Imaxe, iniciouse no ano 2006 coa primeira unidade con base no Hospital de Barbanza. Posteriormente fóronse incorporando novos equipos ata conformar a rede das catro unidades das que dispón actualmente o Servizo Galego de Saúde.
Desde a súa posta en marcha, este programa realizou máis de 231.000 estudos, chegando a beneficiar a 364.120 pacientes, reducindo en preto de 40 millóns os quilómetros en desprazamentos evitados e evitando unhas 5.933 toneladas de CO2.
Cada equipo realiza máis de 7.600 resonancias por ano. Coa posta en marcha desta nova unidade pretende sumarse ata unhas 8.000 resonancias anuais máis, contribuíndo a reducir as listas de espera e mellorando a eficiencia no uso dos recursos sanitarios.
Durante as declaracións aos medios, o conselleiro destacou o traballo das sete áreas sanitarias de Galicia, que traballan de xeito coordinado para planificar as rutas das distintas unidades, adaptando o servizo á demanda asistencial dos hospitais.
Grazas a esta rede móbil, o Servizo Galego de Saúde achega alta tecnoloxía diagnóstica aos hospitais comarcais, reforzando a equidade territorial, e eficiencia e a sustentabilidade do sistema.