A Xunta recibe 6 ofertas para executar as obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, no concello de Xunqueira de Ambía

As actuacións que se acometerán buscan rexenerar e poñer en valor estes viarios, situados na contorna da Colexiata de Santa María a Real e no ámbito de protección do Camiño de Santiago

Actualizaranse as instalacións urbanas existentes para resolver os problemas do saneamento e, ademais, renovarase a instalación de alumeado público con luminarias LED, pavimentarase as rúas e instalarase mobiliario urbano

A actuación abórdase a través do Plan Hurbe, o programa co que a Xunta coopera coas administracións locais coa financiación de investimentos para mellorar as súas contornas urbanas e dotarse de equipamentos, a fin de dinamizar o territorio e favorecer o reequilibrio territorial 

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

A Xunta recibiu 6 ofertas para executar as obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, no concello de Xunqueira de Ambía, que se desenvolven ao abeiro do Plan Hurbe e foron licitadas por 237.392€ .

As actuacións que se acometerán buscan rexenerar e poñer en valor estes viarios, situados na contorna da Colexiata de Santa María a Real, declarada Monumento Histórico-Artístico en 1931 e Ben de Interese Cultural desde 1985, e no ámbito de protección do Camiño de Santiago.

En concreto, as intervencións centraranse na actualización das instalacións urbanas existentes na canella e na praza, para resolver os problemas do saneamento e abordar a recollida de pluviais, ademais da renovación da instalación de alumeado público con luminarias LED, a reposición e actualización da sinalética, a pavimentación destas rúas, e a instalación de mobiliario urbano.

Deixaranse ademais preparadas as preinstalacións precisas para que no futuro se é necesario reformalas ou implementalas non se teña que intervir xa na pavimentación.

A actuación abórdase a través do Plan Hurbe, o programa co que a Xunta coopera coas administracións locais coa financiación de investimentos para mellorar as súas contornas urbanas e dotarse de equipamentos co obxectivo de dinamizar o territorio e  favorecer o reequilibrio territorial.  

Deste xeito, a través do convenio asinado pola Administración autonómica e o Concello, a Xunta aportará o 70% do investimento total da actuación, ademais de licitar e executar as obras, mentres que o Concello achega o 30% restante.

Data de actualización: 11/09/2026