A Xunta activa mañá sábado a alerta amarela por posibles efectos da calor sobre a saúde no interior de Pontevedra

Actívase a alerta amarela nos concellos da Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

Segundo os datos remitidos por MeteoSalud e MeteoGalicia, e no ámbito do Plan de Actuacións do Goberno galego fronte aos posibles efectos das altas temperaturas, a Xunta activa mañá, sábado, o sistema de alerta amarela por episodio de calor nas seguintes zonas isoclimáticas:

Nivel 1 (amarelo): zona isoclimática do interior de Pontevedra.

Así, actívase a alerta amarela nos concellos da Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Segundo as previsións de Meteogalicia, este sábado seguiremos baixo a influencia das altas presións en Galicia, con entrada dunha masa de aire cálido desde o sur peninsular. Con isto, teremos néboas matinais en zonas do interior, que darán paso a tempo seco e solleiro. As temperaturas experimentarán un ascenso, máis acusado nos valores máximos.

O mapa da Dirección Xeral de Saúde Pública, xunto coas recomendacións e o Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas están dispoñibles nesta ligazón.               

Para elaborar o mapa de riscos para a saúde provocados polas altas temperaturas, a Consellería de Sanidade ten en conta os datos rexistrados por Meteogalicia e por Meteosalud.

Meteogalicia ten en conta as temperaturas máximas e mínimas diarias e tamén se se superan os límites establecidos para que poida ter lugar un episodio de calor. Pola súa banda, Meteosalud realiza os seus cálculos de acordo á análise das series temporais de temperatura e mortalidade tendo en conta os datos rexistrados nos últimos 20 anos.

Para anticiparse aos posible efectos das altas temperaturas na saúde da poboación galega, a Consellería de Sanidade ten en conta os niveis de alerta de ambos os sistemas co obxectivo de establecer un nivel de alerta de acordo aos seus datos. Xa que logo, a información que conteñen estes tres mapas responde a diferentes parámetros, motivo polo que poden non coincidir.

Recomendacións xerais para a poboación

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e menores de catro anos, sobre todo as menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Alzheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc..

Tamén son grupos de risco os maiores que viven sós, as persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, as persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas, ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas.

Así mesmo, usarase roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, ademais de calzado fresco, cómodo e que transpire.

Igualmente, aconséllase permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; ventilar o fogar nas horas de menos calor e durante o día mantelo fresco e coas persianas baixadas; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Recorde que, se ten parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que seguen as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2026