A Xunta instala 21 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía do risco de inundación nos ríos Ouro, ao seu paso por Foz, e Batán, en Lourenzá

O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de asolagamento e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou recentemente un total de 21 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación da comarca da Mariña, concretamente, 9 no río Ouro, ao seu paso por Foz, e otros 12 no Batán, no concello de Lourenzá.

O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa, así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que estas chuvias se produzan nas áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

Segundo se recolle no Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, as Arpsi Rego Ouro-Foz e Río Batán-Lourenzá pertencen ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as zonas fluviais de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a concienciación pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección á cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.

Deste xeito, cómpre lembrar que, ata o momento, Augas de Galicia xa colocou este tipo de indicadores en 39 concellos con áreas de alto risco de inundación no seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Vigo, Cangas, Viveiro, Caldas de Reis, Mondoñedo, Foz e Lourenzá.

O organismo hidráulico adoita sinalizar e combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis nas zonas, como os xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.

Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.

No caso de Foz, os traballos para instalar 9 carteis na contorna do río Ouro supuxeron un investimento de 3.476,25 euros, mentres que á colocación dun total de 12 elementos de sinalización en distintos puntos do río Batán destinouse un orzamento de 4.635 euros.

Ambas actuacións enmárcanse no contrato do organismo hidráulico para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, cun investimento global de preto de 700.000 euros.

Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi cómpre lembrar que tamén se desenvolven diferentes obradoiros en centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2026