Desenvolverase o 21 de setembro na Cidade da Cultura

A Xunta celebra unha xornada informativa sobre as axudas para actuacións de eficiencia enerxética en establecementos turísticos

As subvencións están dotadas cun orzamento de 9 millóns de euros e teñen carácter bianual

Buscan impulsar a realización de actuacións de eficiencia enerxética que favorezan a economía circular en empresas turísticas

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2026

Turismo de Galicia celebrará o luns 21 de setembro unha xornada informativa relativa ás axudas para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas. Publicadas no Diario Oficial de Galicia do pasado 31 de agosto, esta convocatoria destina 9M€ a subvencionar actuacións que favorezan a economía circular e que se desenvolvan nos anos 2026 e 2027.

A xornada celebrarase de forma presencial en horario de 10 a 12 horas no Auditorio 2 do Edificio Cinc da Cidade da Cultura de Galicia, situada en Santiago de Compostela. Ademais, poderá seguirse en streaming a través de turismo.gal para as persoas que non poidan desprazarse.

O prazo de solicitude destas axudas abriuse o 7 de setembro e estará activo durante tres meses. O conxunto das actuacións subvencionables debe inducir unha mellora da eficiencia enerxética do edificio, medida en consumo de enerxía primaria de orixe non renovable, de como mínimo un 30% en comparación coa situación anterior ao investimento.

A xornada está dirixida a persoas físicas e xurídicas coa condición de pemes titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración. Os proxectos deberán ter un carácter integral e combinar mínimo dúas actuacións de eficiencia enerxética cun ou máis investimentos en enerxías renovables en establecementos de aloxamento e restauración.

Entre as actuacións subvencionables están a mellora da envolvente dos edificios, a renovación da iluminación por sistemas máis eficientes, así como a implantación de instalacións de enerxía solar térmica, xeotermia, biomasa, aerotermia ou hidrotermia e sistemas fotovoltaicos para autoconsumo.

As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 2 de novembro de 2027, e o prazo de presentación remata o día 7 de decembro.

Esta convocatoria dá continuidade á de 2025, na que se investiron máis de 11M€ en obras de mellora de eficiencia enerxética de establecementos turísticos. En total, a Xunta de Galicia destinou máis de 14M€ desde 2022 na súa liña de apoio á eficiencia enerxética, cos que se chegaron a máis de 200 establecementos turísticos, aos que agora se sumarán os da nova convocatoria.

Data de actualización: 12/09/2026