Rueda esixe a retirada da proposta estatal de modificar a lexislación de Costas para aplicar criterios de deslinde máis restrictivos e advirte de que pode afectar a 2.500 edificacións en Galicia
Anuncia que esta semana se van presentar alegacións ao Real Decreto de xestión dos riscos de inundación, no que se inclúen estes cambios
Sinala que o Goberno central pretende eliminar a actual esixencia de que o mar alcance unha determinada cota de maneira recorrente para delimitar o dominio público marítimo-terrestre
Apunta a que a normativa establecerá unha nova referencia baseada só nunha máxima onda rexistrada nun momento concreto e desde un período temporal indefinido e aberto
Alerta de que estes cambios ampliarían ata “os 156 km2” o dominio público no litoral galego, o que afectaría a “depuradoras, pavillóns ou industrias”
A Xunta advirte de que, desde o punto de vista da xestión do risco de inundacións, adianta prazos respecto da normativa europea e pode xerar duplicidades e maiores custos para os organismos de conca sen os recursos necesarios para asumilos
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Administración galega vai esixir ao Goberno central “que retire a súa proposta” de modificar os criterios para establecer os deslindes na costa, é dicir, delimitar o dominio público marítimo-terrestre (DPMT).
O Goberno autonómico advirte da “inseguridade xurídica”, a falta de rigor técnico e a afectación ao dereito á propiedade privada destas modificacións, tendo en conta ademais que, segundo as estimacións realizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, poderían chegar “a poñer en risco máis de 2.500 edificacións costeiras” en Galicia.
Precisamente, o Consello tomou razón esta mañá das alegacións –que se van presentar esta semana- no marco da fase de información pública do Real Decreto polo que se adoptan medidas para a xestión dos riscos de inundación que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico empezou a tramitar o pasado mes de xullo e no que se introducen estes cambios nos criterios técnicos de deslinde.
A modificación proposta introduce cambios substanciais na xestión do litoral e, máis concretamente, altera de forma substancial un criterio técnico moi relevante do actual Regulamento Xeral de Costas. Neste sentido, tal e como sinalou o presidente, mentres que ata o momento se esixía que o mar alcanzase unha determinada cota de maneira recorrente —“cinco ocasións nun período de cinco anos como mínimo”— para fixar a liña de deslinde do DPMT, agora este criterio substituiríase tomando como referencia unicamente a máxima onda rexistrada nun momento concreto e desde un período temporal indefinido e aberto.
Tal e como alega a Xunta, con esta proposta o Ministerio recupera a mesma modificación que xa tentara introducir no ano 2022 e que foi declarada nula polo propio Tribunal Supremo. Ademais, nesta ocasión faino a través dun real decreto que regula unha materia diferente, en lugar de aproveitar a reforma do Regulamento xeral de Costas que está a tramitar en paralelo.
Máis polo miúdo, a argumentación do Goberno galego defende que a substitución dun criterio técnico baseado no tempo e na frecuencia dos temporais por un criterio absoluto baseado no valor máximo dunha serie histórica de datos suporía, na práctica, que unha única onda excepcional fose suficiente para determinar unha delimitación. Deste xeito, o novo criterio proposto fundamentaríase nun acontecemento illado e puntual que non necesariamente reflicte a situación real e que, ademais, é de cuestionable obxectividade dadas as características da distribución estatística das ondas e as dificultades asociadas ao cálculo deste parámetro.
Para exemplificar a transcendencia e o impacto dun cambio destas características no litoral galego, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático fixo unha análise comparativa do actual DPMT en Galicia tendo en conta o cambio proposto. O estudo estima que esta superficie se incrementaría en 6,53 km2 ata chegar, segundo indicou Rueda, “a un total de máis de 156 km2 —o equivalente a máis de catro veces o termo municipal da cidade da Coruña”— e que nela se contabilizan 2.511 edificacións preexistentes que serían incluídas na zona marítima-terrestre e, polo tanto, pasarían a estar catalogadas como bens de dominio público. Entre elas, explicou o presidente, hai “depuradoras, pavillóns ou industrias” que, no caso de estar en terreos públicos, poderían ser expropiadas “sen ter que facer desembolsos económicos”.
Trátase dun cambio normativo en materia de costas ao que se engade ademais a tramitación paralela da modificación do Regulamento Xeral de Costas, coa que o Goberno central pretende endurecer tamén o actual réxime de concesións no litoral, así como as súas prórrogas.
Outras observacións en materia de inundacións
Así mesmo, tendo en conta a materia principal que ten como obxecto regular o real decreto en tramitación, a Xunta tamén inclúe unha serie de observacións técnicas desde o punto de vista da xestión do risco de inundacións. Neste sentido, alega que a modificación proposta, ademais de incorporar novas esixencias documentais e administrativas, introduce tamén novas obrigas e limitacións de usos para os territorios sometidos a risco de inundación, como a prohibición de acampadas, a instalación de cámpings ou a celebración de determinados eventos con concentración de persoas.
Advírtese así mesmo de que moitas destas novas obrigas non van acompañadas de criterios técnicos suficientemente claros e homoxéneos, o que pode xerar diferentes interpretacións na súa aplicación. Ao que se engade o risco de duplicidades e solapamentos con instrumentos e traballos que xa existen, tanto cos Plans de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) como cos informes de seguimento e estudos que xa realiza Augas de Galicia.
A Xunta tamén considera excesivamente apresurados algúns dos prazos previstos, xa que se adiantan aos establecidos pola normativa europea, que contempla calendarios máis amplos para a súa aplicación. Ademais, parte dos criterios técnicos que deberán concretar as novas esixencias aínda non estarán dispoñibles ata 2028, o que podería obrigar a adaptar ou reelaborar traballos realizados con anterioridade.
Por último, a análise realizada polo Goberno galego conclúe tamén que a aplicación do real decreto suporá un incremento dos gastos públicos dos organismos de conca —no caso de Galicia, Augas de Galicia— que non consta que fosen cuantificados nin que vaian acompañados da transferencia dos recursos necesarios para facerlles fronte.