No Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios, que se celebra mañá na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación
Villaverde defenderá ante o Goberno central unha PPC que permita renovar a frota e garanta un financiamento pesqueiro xusto para o sector
A Xunta apoia a referencia de, cando menos, 7.290 M€ para pesca e acuicultura no marco financeiro 2028-2034 e reclama que estes recursos sexan visibles, plurianuais e non poidan desviarse cara a outras políticas
Galicia propón un réxime europeo que permita substituír buques envellecidos por unidades máis seguras, eficientes e sostibles sen incrementar a capacidade pesqueira neta
Madrid, 15 de setembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá mañá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común (PPC), baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade, durante o Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios que se celebrará mañá na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria. Por este motivo, a Xunta reclama que as futuras decisións europeas teñan en conta as especificidades das rexións cunha elevada dependencia da actividade marítimo-pesqueira.
Entre as principais demandas, Galicia defenderá que o próximo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 garanta unha asignación específica, visible, plurianual e protexida para a pesca e a acuicultura. A Xunta respaldará neste sentido a referencia de 7.290 M€ reclamada polo Parlamento Europeo e sostén que os recursos destinados ao sector non deben quedar diluídos dentro de fondos de carácter xeral nin poder ser desviados cara a outras políticas.
A conselleira incidirá tamén na necesidade de facilitar a renovación dunha frota cun elevado grao de envellecemento. Galicia propón permitir a substitución dos buques máis antigos por unidades máis seguras, eficientes e sostibles sempre que non se incremente a capacidade pesqueira neta, diferenciando claramente entre modernizar os barcos e aumentar o seu potencial extractivo.
A Xunta reclama ademais unha revisión da PPC que faga efectivo o equilibrio entre os seus piares ambiental, económico e social, mellore a previsibilidade das decisións sobre TAC e cotas e adapte determinadas normas á realidade das pesqueiras mixtas. Neste marco, Villaverde tamén defenderá o carácter estratéxico das frotas de altura e gran altura, un papel propio para a acuicultura —con especial atención á mitilicultura e aos sistemas extensivos de baixo impacto— e unha maior participación das rexións pesqueiras na toma de decisións.
Finalmente, Galicia aposta por unha simplificación normativa baseada na dixitalización, na reutilización da información xa dispoñible nas administracións e en controis proporcionais ao risco real. Neste ámbito, volverá a reclamar que a regulación das 87 áreas de ecosistemas mariños vulnerables permita diferenciar as artes segundo a súa repercusión no ecosistema e teña en conta a evidencia científica dispoñible sobre as artes fixas de baixo impacto.
PRINCIPAIS RECLAMACIÓNS DE GALICIA
Dun xeito esquemático, estas son as principais reclamacións que levará a conselleira do Mar no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios:
-
Marco Financeiro Plurianual 2028-2034
Garantir un financiamento específico, visible, plurianual e protexido para a pesca e a acuicultura, evitando que os recursos queden diluídos nun fondo xeral ou poidan desviarse cara a outras políticas.
-
Renovación e modernización da frota
Permitir a substitución de buques envellecidos por unidades máis seguras, eficientes e sostibles sen incrementar a capacidade pesqueira neta. Galicia propón un fondo europeo de renovación e seguridade e pide eliminar o límite automático de 24 metros para investimentos destinados á eficiencia enerxética, seguridade ou habitabilidade.
-
Reforma da Política Pesqueira Común
Facer efectivo o equilibrio entre os tres piares da sustentabilidade —ambiental, económico e social— e incorporar o impacto sobre emprego, renda e comunidades costeiras ás decisións de xestión. Galicia reclama unha PPC máis adaptable ás pesqueiras mixtas, con maior previsibilidade de TAC e cotas e unha revisión da obriga de desembarque cando provoque especies estranguladoras.
-
Frota de altura e gran altura
Recoñecer o seu carácter estratéxico para a seguridade alimentaria europea e garantir condicións reais de acceso aos caladoiros internacionais. A Xunta pide revisar as situacións nas que acordos con terceiros países permanecen inactivos e bloquean posibilidades de pesca pese a non existir protocolos operativos.
-
Acuicultura
Darlle unha posición xurídica e financeira propia dentro da futura arquitectura europea, con especial atención á mitilicultura e á acuicultura extensiva de baixo impacto. Galicia reclama tamén simplificación administrativa, adaptación ao cambio climático, xestión do risco e apoio á innovación.
-
Simplificación normativa
Manter o nivel de protección dos recursos reducindo burocracia innecesaria mediante dixitalización, principio de “dato único” e controis proporcionais ao risco. Entre as cuestións concretas, Galicia reclama revisar o peche indiferenciado das 87 zonas de ecosistemas mariños vulnerables para distinguir entre artes segundo o seu impacto real.