O director de Turismo de Galicia inaugurou o Foro MICE Galicia en Vigo

A Xunta traballa para que o Xacobeo 2027 sexa unha oportunidade única para a promoción do turismo de congresos

Xosé Merelles destacou o Xacobeo 2027 como “punto de inflexión” e puxo en valor o Plan Director de Patrocinios para artellar a colaboración público-privada ao redor dunha programación diversa e participativa

Vigo, 16 de setembro de 2026

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou hoxe o Foro MICE Galicia no Auditorio Mar de Vigo, cunha conferencia titulada "O Camiño de Santiago como activo diferencial". Nela abundou no papel deste recurso na comunidade e vinculou o Xacobeo 2027 ao sector ao cualificar o próximo Ano Santo como “punto de inflexión para o turismo MICE galego”.

Xosé Merelles subliñou que o turismo de congresos "leva sendo clave desde hai moitos anos" na estratexia turística galega, e defendeu que a aposta da Xunta por este segmento non responde a unha cuestión conxuntural, senón que “parte dunha planificación que recoñece o turismo MICE como unha oportunidade para desestacionalizar a actividade turística e atraer visitantes de alto valor engadido ao longo de todo o ano”, relacionándoo co turismo premium. Neste sentido, avanzou que Turismo de Galicia está traballando no deseño e concreción de varias experiencias premium que reforzarán a oferta complementaria de Galicia como destino MICE.

O director de Turismo de Galicia repasou tamén os datos que avalan o peso deste segmento. O turismo de reunións representa xa o 1,2% do gasto turístico total en Galicia, cun gasto medio de máis de 200 euros por persoa e día -fronte aos 59 euros da media turística xeral-. Supón ademais un elemento de mobilización do turismo nacional, con máis do 85% das persoas que veñen por este motivo procedentes doutras comunidades autónomas.

“O seu impacto vai máis alá do económico”, abundou. “Os eventos profesionais xeran un importante efecto multiplicador no territorio e permiten aos participantes descubrir o noso patrimonio cultural, gastronómico e natural”. Neste contexto, a celebración do Ano Santo 2027 ”converte a Galicia nun centro de atracción internacional”. “O Xacobeo ofrece unha plataforma única para facer do turismo MICE unha ferramenta esencial de promoción, internacionalización e desenvolvemento económico do territorio”, sinalou.

É así como desde a Xunta de Galicia se está a traballar con esa visión do Xacobeo 2027 como punto de inflexión para o turismo MICE galego, unha estratexia baseada na experiencia anterior, xustificou. “Desde o Xacobeo 93, os Anos Santos actuaron como verdadeiros catalizadores da transformación de Galicia, impulsando a modernización das infraestruturas, mellorando as comunicacións e ampliando a capacidade de acollida do noso territorio”.

Xosé Merelles destacou a importancia para a estratexia en turismo MICE da comunidade da presenza de Galicia en eventos deste tipo. No último trimestre do ano acudirá a seis encontros profesionais do sector: o MIS Internacional (A Coruña, 27 a 29 de setembro), o MICE & Forum Inside CEW (Cádiz), o Luxury Travel B2B Showcase (Londres, no marco da World Travel Market), o IBTM World (Barcelona), e os encontros Global MICE Forum European & USA MICE Buyers (Madrid) e Global MICE Forum Edición Asociativo Nacional (Córdoba).

No que se refire á preparación do Xacobeo e á integración do turismo MICE, o director aludiu ao Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 como "unha ferramenta clave" para artellar unha programación diversa e aberta á colaboración público-privada. “Unha oportunidade que abrangue tamén os congresos, as convencións e as citas empresariais”, que se complementa con outras medidas como as bonificacións fiscais derivadas do patrocinio privado.

Outro dos aspectos destacados foi o da sustentabilidade e o compromiso social, no que “Galicia e o Camiño ofrecen un marco especialmente axeitado para desenvolver congresos responsables, conectados co territorio e capaces de xerar un impacto positivo máis alá do propio evento”. “O noso obxectivo é claro: seguir posicionando Galicia como un destino MICE competitivo, sostible e auténtico, capaz de combinar a excelencia profesional coa calidade de vida e o respecto polo territorio”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2026