Desactivada a situación 2 no incendio do concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra
Esta situación operativa de emerxencia declarouse esta tarde pola proximidade do lume, que evoluciona favorablemente, a tres núcleos de poboación
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2026
A Consellería do Medio Rural informa de que vén de ser desactivada a Situación 2, declarada esta tarde como medida preventiva no incendio forestal activo que se rexistra no concello lucense de Quiroga, parroquia de Pacios da Serra, e que evoluciona favorablemente cara a súa estabilización. Esta situación operativa de emerxencia decretouse pola proximidade do lume aos núcleos de Casal de Vello, As Barxas e Penarrubia.
O lume iniciouse ás 15.25 horas de onte martes e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 360 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 10 técnicos, 42 axentes, 52 brigadas, 37 motobombas, 8 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 12 helicópteros e 12 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.