A Xunta outorga a unha conserveira da Pobra do Caramiñal a concesión para ocupar 400 m2 no dominio público para un emisario submarino asociado á fábrica
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolve deste xeito un novo título concesional, de carácter accesorio e complementario ás instalacións existentes, destinado a conducir ao mar as augas residuais industriais previamente depuradas
A actuación prevista comprende unha tubaxe enterrada duns 435 metros, que discorre na súa maior parte polo DPMT, así como un difusor submarino de 13 metros
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia outorgou unha concesión para ocupar 411 m² do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) no concello da Pobra do Caramiñal co fin de instalar un emisario submarino asociado á fábrica de Conservas Ría de Arosa SL.
Segundo o anuncio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, trátase dun novo título concesional, de carácter accesorio e complementario ás instalacións xa existentes —que contan con concesión desde 2018— e destinado a conducir ao mar as augas residuais industriais previamente depuradas.
A solicitude inicial fora presentada ante Costas do Estado no ano 2009, expediente que recibiu a Xunta o verán pasado, tras asumir o traspaso efectivo das funcións e servizos para a xestión do litoral. A concesión outorgada agora corresponde exclusivamente á ocupación do dominio público necesaria para instalar un emisario submarino asociado á fábrica de conservas, cuxa actividade se desenvolve neste lugar desde 1906.
En concreto, a actuación prevista comprende unha tubaxe enterrada de aproximadamente 435 metros de lonxitude, dos cales 398 metros discorrerán por DPMT, así como un difusor submarino de 13 metros. O caudal máximo diario previsto é de 119 m³. As obras deberán comezar no prazo de 12 meses e rematar antes de 24 meses.
Ademais, cómpre subliñar que o título autoriza exclusivamente a ocupación do dominio público marítimo-terrestre e non substitúe os demais permisos, licenzas ou autorizacións esixibles conforme á normativa sectorial.