O director de Augas de Galicia reuniuse esta mañá cos catro rexedores municipais e outros representantes locais

A Xunta traslada aos concellos de Oroso, Tordoia, Trazo e Santiago os bos datos da evolución da calidade da auga tras o vertido ao río Bustelo e confirma que non se prevén afectacións ao abastecemento

Roi Fernández explica que os resultados analíticos máis recentes desbotan, polo momento, a chegada de puríns á ETAP que dá servizo a Santiago de Compostela e que os valores de elementos contaminantes se sitúan moi por debaixo do limiar límite empregado como referencia para o bo estado das masas de auga

Avanza que manterán os medios e recursos anticontaminación despregados o tempo que sexa necesario e apela tamén á responsabilidade dos concellos afectados polo vertido ou en risco como administracións competentes en materia de protección das captacións de auga e da garantía do abastecemento ás súas poboacións

No marco do operativo mobilizado polo organismo hidráulico, nas últimas horas procedeuse a instalar un novo dique de contención e estanse habilitando accesos para que se poida chegar aos puntos afectados para aspirar o purín estancado

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia convocou esta mañá aos concellos de Oroso, Tordoia, Trazo e Santiago de Compostela a unha reunión informativa co fin de compartir os últimos datos e avances con relación á evolución do vertido causado o pasado luns pola rotura dunha balsa de xurros nunha granxa de Tordoia e que chegou a afectar aos ríos Bustelo, Paradela e Lengüelle, manténdose aínda a varios quilómetros da captación de Santiago no Tambre.

Durante a xuntanza, á que asistiron os alcaldes dos catro concellos, outros representantes municipais e técnicos de Veolia-Viaqua (xestora da potabilizadora de Santiago), o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou o operativo de vixilancia, control e contención mobilizado nas zonas fluviais afectadas e reiterou a disposición do organismo hidráulico a manter o seu apoio neste sentido, así como outras medidas dirixidas a colaborar coas administracións locais para garantir que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento no contexto actual.

O director trasladoulles que, nestes momentos, coas medidas que se están adoptando e logo dos últimos resultados analíticos, non é previsible afectación ao abastecemento e, máis concretamente, que non se prevé a chegada de puríns á estación de tratamento de auga potable (ETAP) que dá servizo a Santiago de Compostela.

A principal novidade da xornada de hoxe, precisamente, foi a obtención dos resultados das últimas analíticas realizadas ao longo dos tramos fluviais afectados e que confirman unha evolución favorable da afección causada polo vertido. De feito, os valores que amosan estas mostraxes sitúan a presenza de elementos contaminantes por debaixo do limiar límite empregado como referencia para o bo estado das masas de auga.

En todo caso, Fernández confirmou que se realizarán novas mostras e analíticas de seguimento antes de extraer conclusións definitivas sobre a evolución do episodio e aproveitou a ocasión para ofrecer a colaboración e apoio técnico de Augas de Galicia se fose necesario adoptar medidas para garantir a seguridade do abastecemento, como a interrupción da captación e a utilización dos recursos de reserva dispoñibles, que, en todo caso, cómpre lembrar que é unha competencia municipal.

De igual xeito, avanzou tamén que se manterán os medios e recursos anticontaminación despregados baixo a coordinación do Programa de conservación fluvial de Augas de Galicia o tempo que sexa necesario e apelou, ao mesmo tempo, á responsabilidade dos concellos afectados polo vertido ou en situación de risco como administracións con competencias en materia de protección das captacións de auga destinadas ao subministro e da garantía do abastecemento á súa poboación.

Resposta áxil e coordinada

Tras o incidente, Augas de Galicia enviou de inmediato a persoal do Programa de control de vertidos para inspeccionar a zona e ao comprobar que a extensión do vertido incluía o dominio público hidráulico do río Bustelo, mobilizou medios e recursos propios, que se reforzaron cando a afección se estendeu augas abaixo cara aos ríos Paradela e Lengüelle.

En concreto, instaláronse sete barreiras filtrantes de palla e están a traballar na zona seis tractores, dous camións cisterna, unha pala retroescavadora e unha minidumper, así como unha vintena de técnicos e persoal de Augas de Galicia. O obxectivo deste dispositivo é tanto conter o avance do vertido como executar labores de retirada dos puríns depositados nas marxes fluviais e de limpeza do leito do río.

Nas últimas horas, ademais, procedeuse a instalar tamén un novo dique de contención e tamén se están habilitando accesos para que se poida chegar coa maquinaria máis facilmente ata os puntos afectados para aspirar o purín que permanece estancado.

Data de actualización: 17/09/2026