Belén do Campo asiste aos actos de celebración da festividade da patroa de institucións penitenciarias Nosa señora da Merced no Centro Penitenciario de Teixeiro

A Xunta de Galicia mantén diferentes liñas de colaboración con Institucións Penitenciarias, entre as que destacan os Equipos de Inclusión Nelson Mandela, que forman parte da Rede de Equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Curtis (A Coruña), 17 de setembro de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, asistiu aos actos de celebración da festividade da Patroa de Institucións Penitenciarias, Nosa Señora da Merced no Centro Penitenciario de Teixeiro nun acto que reuniu a autoridades civís e militares, representantes da administración penal e colaboradores das entidades que traballan no centro.

A cerimonia, que se desenvolve anualmente, incluíu diferentes actos solemnes e a tradicional entrega de distincións e condecoracións ao persoal que destacou no desempeño das súas funcións, nun marco de recoñecemento ao traballo realizado polos profesionais do centro.

A Xunta de Galicia mantén diferentes liñas de colaboración con Institucións Penitenciarias, entre as que destacan os Equipos de Inclusión Nelson Mandela, que forman parte da Rede de Equipos de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Estes equipos desenvolven no módulo 1 do Centro Penitenciario de Teixeiro o Programa Nelson Mandela de Preparación para a Vida en Liberdade, un proxecto específico orientado a proporcionar ás persoas reclusas novas habilidades e capacidades que posibiliten unha adecuada incorporación á súa contorna sociocomunitaria de referencia e diminúan os factores de risco que poidan desembocar nunha situación de exclusión social permanente.

Módulos Nelson Mandela: respecto, educación e convivencia

Os módulos Nelson Mandela son módulos de respecto, educativos e convivenciales, dedicados na súa totalidade á preparación para a vida en liberdade. Neste modulo traballa un equipo de inclusión de tres persoas para desenvolver este programa.

No CP de Teixeiro, o traballo do Equipo de Inclusión no Módulo 1 comezou en 2008. En 2021, o módulo 1 Nelson Mandela converteuse nun módulo mixto, incorporando as mulleres en igualdade de condicións. Neste tempo atenderon a un total de 2.057 persoas, 184 mulleres e 1.873 homes. A día de hoxe, o módulo atende a 17 mulleres e 65 homes.

Este programa é un exemplo de como a colaboración entre administracións permite avanzar na reinserción social e laboral das persoas privadas de liberdade, dando ferramentas reais para que poidan construír un proxecto de vida en liberdade e reducir a reincidencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026