Máis de 800 persoas aspirantes a Policía Local realizarán os primeiros exercicios o próximo 28 de setembro en Silleda

O tribunal que deberá cualificar o proceso selectivo quedou constituído onte, tras a publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia

A convocatoria inclúe 105 prazas distribuídas en 31 concellos

Superadas todas as probas da oposición, deberán facer un curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública como parte da nova promoción de Policía Local

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2026

Máis de 800 persoas aspirantes no proceso selectivo para Policía Local realizarán os primeiros exercicios o 28 deste mes no recinto feiral de Silleda, ás 15,30 horas. O tribunal que deberá cualificar as probas quedou constituído onte, tras a publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia. A listaxe de persoas admitidas publicouse tamén esta semana na web da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

A oposición libre contará con cinco exercicios. O primeiro deles, previsto para finais deste mes, é un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado, que se realizará xunto coa proba de coñecementos do idioma galego para as persoas que non estean exentas. Na listaxe de admitidos publicada na web da Agasp tamén se especifican as persoas exentas deste exercicio por contar con certificado de Celga 4 ou equivalente e as que deberán realizalo.

O proceso continuará coas probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), á que serán convocadas as 300 persoas aspirantes aprobadas coa mellor cualificación na proba de coñecementos. Realizaranse tamén probas psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal) e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo na Agasp e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da academia.

A convocatoria inclúe 105 prazas distribuídas en 31 concellos. Trátase da Coruña, A Guarda, A Illa de Arousa, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Ares, Arzúa, Boiro, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Lugo, Muxía, Nigrán, O Barco de Valdeorras, Oleiros, Ortigueira, Ourense, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sada, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Verín e Vigo.

Proceso de selección unitario

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local coa selección neste período de máis dun milleiro de policías galegos mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, deles -incluídas as sete cidades galegas -92 deles encomendan á Academia a selección dos seus axentes, o que supón máis do 75%.

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Data de actualización: 11/09/2026