A Xunta inicia os trámites para solicitar ao estado o recoñecemento de coeficientes redutores ao persoal de Gardacostas
Santiago de Compostela, 17 de setembro do 2026
A Xunta de Galicia acordou hoxe coas organizacións sindicais impulsar a solicitude ante a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social para iniciar o procedemento previo destinado ao recoñecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación ao persoal do Servizo de Gardacostas de Galicia. A Consellería do Mar trasladará así ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións a petición para iniciar o procedemento previsto no Real Decreto 402/2025, tendo en conta a especial perigosidade e penosidade das funcións que desenvolven estes profesionais no medio mariño.
A decisión é froito do diálogo mantido nos últimos meses entre a Consellería e as organizacións sindicais en varias reunións para abordar esta reivindicación, a última delas en xullo, na que xa se dera un importante impulso. Nesta nova reunión mantida hoxe saíu adiante o acordo de presentar a solicitude co apoio das organizacións sindicais. A Xunta dá deste xeito un novo paso para avanzar no recoñecemento desta medida para o persoal de Gardacostas, correspondendo ao Estado tramitar e resolver o procedemento.