A conselleira de Política Social e Igualdade visitou hoxe os terreos escollidos polo ente local para desenvolver a actuación
Fabiola García destaca a axilidade do Concello de Baiona en propoñer unha parcela para a construción da futura residencia de maiores
Terá capacidade para 30 usuarios e complementarase co equipamento previsto no Porriño, de maior envergadura e con máis de 100 prazas
O proxecto de novos centros de maiores que impulsa a Xunta contempla a posta en marcha de 25 recursos e 1.800 prazas residenciais
Baiona (Pontevedra), 17 de setembro do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o alcalde de Baiona, Jesús Almuíña, visitaron esta tarde a parcela que propón o Concello para a construción do futuro centro de maiores. Fabiola García agradeceu ao rexedor a súa decisión de adherirse ao proxecto de novas residencias que impulsa a Xunta de Galicia e a súa celeridade en propoñer unha parcela, que agora se terá que avaliar se cumpre cos requisitos para desenvolver a actuación.
Fabiola García destacou que este equipamento de Baiona terá capacidade para atender a 30 persoas e que complementa ao que se emprazará no Porriño, de maiores dimensións ao superar o centenar de prazas. Neste sentido, apuntou que estes dous proxectos “están pensados de maneira conxunta, posto que ao estar localizados en municipios próximos permitirán unha maior eficiencia no aproveitamento dos recursos e garantir unha ampla cobertura territorial”.
Ademais, a conselleira sinalou que esta nova residencia de maiores representa unha oportunidade para Baiona e a súa contorna, xa que xerará emprego no ramo da atención sociosanitaria, dinamizará a actividade económica e reforzará os servizos públicos.
Sete novos centros na provincia
Os concellos de Baiona e O Porriño son dous dos seleccionados dentro proxecto de novas residencias de maiores da Xunta, que na provincia de Pontevedra prevé a construción de sete equipamentos.
Así, a estes emprazamentos súmanse os seguintes: na comarca do Salnés, Sanxenxo acollerá a residencia principal e Cambados a de menor tamaño. Na contorna de Pontevedra o centro de maior envergadura estará en Marín e o complementario ou satélite en Moraña. Por último, na área do Condado-Paradanta: Arbo albergará a residencia máis grande e Padrenda (moi preto, pero en Ourense) a de menos capacidade. Este é o único lote do proxecto de residencias compartido por dúas provincias.
O proxecto de residencias do Goberno galego inclúe 24 novos centros residenciais en concellos de menos de 25.000 habitantes, aos que se engade o comprometido en Ribeira. En total, estes recursos sumarán máis de 1.800 prazas impulsadas pola Xunta, das cales, como mínimo, o 60% serán de titularidade pública. Así mesmo, a estimación é que se xeren un milleiro de postos de traballo vencellados ao sector dos coidados.
Notificación aos concellos
O pasado martes, a Xunta remitiu aos concellos seleccionados como posibles emprazamentos un documento para que no prazo dun mes se adhiran a esta iniciativa. A partir da recepción deste escrito, as entidades locais contarán cun ano para facer efectiva a posta a disposición dunha parcela que cumpra cos requisitos.