A Xunta concede unha prórroga para ocupar 240 m2 do dominio público en Sanxenxo destinados a un galpón e unha toma de auga dunha cetárea

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático resolve estender por un prazo de 10 anos o título de ocupación, que o promotor solicitara prorrogar en 2017

Da superficie incluída na resolución, 160 m2 corresponden á explanada construída e parte do galpón, e os 80 m2 restantes ás tubaxes de captación, infraestruturas que son esenciais para que a instalación á que dan servizo poida manter a súa actividade

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia concedeu unha prórroga para ocupar 240 metros cadrados de terreos do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) no termo municipal de Sanxenxo con destino a un galpón e unha tubaxe de toma de auga de mar ligados a unha cetárea.

Segundo o anuncio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, trátase dunha prórroga extraordinaria por 10 anos e da modificación substancial da concesión inicial outorgada en 1962. En canto á superficie ocupada, 160 m2 corresponden á explanada construída e a parte do galpón, e os 80 m2 restantes ás tubaxes de captación.

A solicitude fora presentada inicialmente polo promotor ante Costas do Estado no ano 2017, expediente que recibiu a Xunta en setembro do ano pasado, tras asumir o traspaso efectivo das funcións e servizos para a xestión do litoral.

A importancia da prórroga outorgada agora responde a que afecta a unha infraestrutura esencial para a actividade que desenvolve a cetárea, dotada de cocedoiro para produtos da pesca e da acuicultura e moi coñecida na provincia de Pontevedra por estar asociada a un popular restaurante localizado nesta mesma zona.

Data de actualización: 18/09/2026