Toén, Ribadavia, Arbo, Mañón e Outes son os primeiros concellos en adherirse ao proxecto de residencias de maiores da Xunta que creará 1.800 prazas
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, celebrou a axilidade das entidades locais para sumarse á iniciativa
Os concellos seleccionados teñen un mes de prazo para formalizar a súa participación e un ano para facer efectiva a posta a disposición dunha parcela
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026
A Xunta recibiu xa as primeiras confirmacións de adhesións de concellos ao proxecto de residencias de maiores que suporá a posta en marcha de 25 novos centros que sumarán 1.800 novas prazas. Ata o mediodía deste venres son cinco as formalizacións recibidas: Toén, Ribadavia, Arbo, Mañón e Outes. A estas hai que engadir os compromisos verbais manifestados polos alcaldes de Moraña e Baiona.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, celebrou a axilidade destas entidades locais para sumarse á iniciativa, así como a súa disposición para propoñer no mínimo tempo posible unha localización para os centros residenciais.
O pasado martes, o Goberno galego remitiu aos concellos seleccionados un documento para que no prazo dun mes se adhiran a esta iniciativa. A partir da recepción deste escrito, as entidades locais contarán cun ano para facer efectiva a posta a disposición dunha parcela que cumpra cos requisitos para albergar o recurso.
O proxecto de residencias do Goberno galego inclúe 24 novos centros residenciais en concellos de menos de 25.000 habitantes, aos que se engade o comprometido en Ribeira, que por ser un caso particular non ten que adherirse ao proxecto e xa ten trámites avanzados.
Estes 24 equipamentos están repartidos en 12 lotes, cada un deles formado por unha residencia de máis de 100 prazas e por outra de menor tamaño, de 30 prazas, situada nun concello próximo.
Distribución por provincias
Os municipios seleccionados non dispoñen ata o momento de prazas residenciais públicas para persoas dependentes (grado II e III) e a finalidade do proxecto é procurar a máxima cobertura e achegar estes recursos á cidadanía. Así, a provincia da Coruña contará con oito novos centros (nove co de Ribeira), a de Pontevedra disporá de sete, na provincia ourensá poñeranse en marcha cinco e na de Lugo, outros catro.
A estimación, ademais, é que se xeren un milleiro de postos de traballo vencellados ao sector dos coidados.