O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participou na Conferencia Sectorial
A Xunta urxe ao Ministerio de Educación o cambio dos currículos e do sistema de avaliación para reverter os resultados do informe PISA
Román Rodríguez destaca que o Goberno galego xa traballa en accións específicas de reforzo, pero é necesario modificar a Lomloe, da que Galicia xa advertiu sobre os seus efectos negativos
Incide na necesidade de reforzar a autoridade do profesorado e de abordar en consenso coas comunidades autónomas a reforma da carreira profesional docente
No encontro tamén se abordou a proposta estatal de redución das ratios, que pon en risco a gratuidade no caso de 0-3 anos e que, no resto de etapas, Galicia xa ten en marcha dun xeito máis ambicioso
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026
A Xunta reclamou hoxe ao Ministerio de Educación o cambio urxente dos currículos educativos básicos e do sistema de avaliación que impuxo a actual lei educativa estatal, a Lomloe. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou na Conferencia Sectorial, onde sinalou esta normativa como a clara orixe dos malos resultados de España no último informe PISA.
O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila; instou á ministra Tolón a modificar a lexislación actual, da que comunidades como Galicia advertiron desde o principio os seus efectos negativos porque devaluaba a cultura do esforzo e a autoridade do profesorado. Así mesmo, Román Rodríguez cualificou como “un absurdo que manifesta o interese que o Ministerio lle dá á calidade educativa” que non se incluíse na orde do día da Conferencia Sectorial de hoxe un punto específico para abordar os resultados de PISA. A este respecto, destacou que a Xunta xa traballa nun novo plan de reforzo e en iniciativas específicas para mellorar a adquisición das competencias básicas.
Román Rodríguez explicou que o sistema de avaliación ten, precisamente, que identificar as debilidades e as fortalezas do alumnado, pero tamén actuar sobre elas, de tal forma que os estudantes perciban que o seu esforzo é recompensado, pero tamén sexan conscientes de que, cando non acadan os obxectivos de aprendizaxe, deben repasalos ata a que os adquiran, algo que a lei actual non fomenta.
Neste sentido, o conselleiro fixo fincapé tamén na necesidade de reforzar a autoridade docente, cuestión na que Galicia xa ten moito avanzado e na que se mellorará este mesmo curso coa posta en marcha da nova Oficina de apoio ao profesorado. Así mesmo, recordou que é preciso abordar en consenso coas comunidades autónomas unha actualización, urxente tamén, da carreira profesional docente, que o Ministerio se comprometeu hai tempo a facer.
“Chapuza” na proposta de novas ratios
No referido a dúas propostas estatais tratadas na reunión –a redución de ratios e a inclusión no ensino–, o conselleiro apuntou que estas medidas non poden ser un novo exemplo do ‘eu convido, ti pagas’ que vén aplicando o Goberno central, impoñendo de xeito unilateral normativas que despois supoñen un custo para as comunidades autónomas, sen que se destinen recursos estatais para apoiar o seu desenvolvemento.
En canto á redución das ratios que propón o Ministerio, Román Rodríguez sinalou que se está plantexando “unha chapuza xurídico-administrativa”, intentando mudalas “través da modificación dun real decreto pola porta de atrás”, pese a que hai unha lei en trámite no Congreso. En todo caso, explicou que Galicia ten unha folla de ruta propia aprobada no marco do acordo sindical, máis ambiciosa que a plantexada. De feito, a Xunta establece ratios de 20 alumnos por aula en Primaria, fronte aos 22 que prevé o Goberno central.
Pero as ratios propostas polo Ministerio para a Educación Infantil de 0 a 3 anos, que en Galicia depende da Consellería de Política Social e Igualdade, “son absolutamente inasumibles e van poñer en risco unha cuestión vertebral como a gratuidade”, tal e como ten sinalado xa a conselleira do ramo.
Educación inclusiva
A conferencia sectorial abordou tamén o Plan estratéxico de educación inclusiva, unha iniciativa que Galicia considera positiva, pero que precisa tamén dun compromiso claro de financiamento por parte do Ministerio de Educación e de dotación de recursos económicos ás comunidades. Así mesmo, sinalou que se observa neste plan unha devaluación do importante traballo que fan os centros de Educación Especial.
O conselleiro lembrou que a Xunta ten xa en marcha o Plan de atención á diversidade, dotado con 118 M€, para dar o pulo definitivo á inclusión na educación galega, promovendo unha atención totalmente personalizada que favoreza o completo desenvolvemento de cada alumno en función das súas necesidades particulares, ao tempo que a súa plena integración.
Ao abeiro desta iniciativa este mesmo ano reforzouse a atención á diversidade en Secundaria con 150 novos especialistas e consolidáronse 200 prazas por catálogo en Infantil e Primaria. Cómpre lembrar, asemade, que Galicia é a comunidade cunha maior inclusión de alumnado con necesidades educativas especiais escolarizados en centros ordinarios, ofrecendo tamén alternativas ás familias para que poida escoller o entorno escolar que mellor se adapte ás súas necesidades.