O Servizo Galego de Saúde liderará a licitación do proxecto europeo Reheal para a busca de solucións informáticas innovadoras para reducir o impacto ambiental nos subministros sanitarios
O grupo de traballo do Sergas e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), participaron esta semana en Copenhague na Asamblea Xeral do proxecto, que será licitado por 3,5 millóns de euros
As solucións informáticas innovadoras que se adoptarán no marco do proxecto, serán testadas na área sanitaria de Lugo para, logo, estendelas ao resto das áreas
Enmarcado no Programa Horizon Europe, REHEAL está liderado pola Universidade de Edimburgo e conta coa participación de sete entidades europeas de diversos ámbitos
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2026
O Servizo Galego de Saúde, por medio da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, licitará, por un valor de 3,5 millóns de euros, o proxecto REHEAL, que ten como obxectivo a busca de solucións informáticas innovadoras para reducir o impacto ambiental dos subministros sanitarios. Deste xeito, o departamento sanitario da Xunta toma o relevo do Servizo Escocés de Saúde, converténdose no comprador líder.
As solucións informáticas innovadoras que se adopten no marco deste proxecto serán testadas pola área sanitaria de Lugo para, posteriormente estendelas ao resto das áreas.
Enmarcado no Programa Horizon Europe, o proxecto REHEAL está liderado pola Universidade de Edimburgo e conta coa participación de sete entidades europeas de diversos ámbitos. Dispón dun orzamento total de 7,3 millóns de euros e unha duración de catro anos. Máis concretamente, a Universidade de Edimburgo coordina o proxecto e ten como socios, ademais do Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, o Servizo Nacional de Escocia (NSS), o Goberno Escocés (Reino Unido), a rexión de Hovedstaden (Dinamarca), a Fundación Clúster de Ciencias da Vida Cracovia–KLSK (Polonia), o Hospital MITERA (Grecia), e o consorcio europeo EIT Digital.
O grupo de traballo do Sergas e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), participaron esta semana en Copenhague, na asemblea xeral do proxecto, onde se xuntaron socios do consorcio para avanzar na definición e preparación da futura Compra Pública Precomercial europea.
A representación do departamento sanitario da Xunta estivo liderada polo director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero; a xestora do proxecto europeo en ACIS, Carmen Orosa; o director de Asuntos Económicos da área sanitaria de Lugo, Juan Francisco Insua; e a coordinadora da estratexia de economía circular do Sergas, Beatriz Piñeiro.
Xestión eficiente e sostible dos recursos sanitarios
REHEAL ten como obxectivo contribuír á transformación das cadeas de subministro sanitarias cara modelos máis circulares, sostibles e resilientes mediante o desenvolvemento de solucións innovadoras e o despregamento dunha estratexia de Compra Pública Precomercial. O proxecto busca facilitar unha xestión máis eficiente e sostible dos produtos e recursos sanitarios ao longo do seu ciclo de vida, favorecendo a redución de residuos, o reacondicionamento, a reutilización, a reciclaxe e a recuperación de recursos.
A xornada incluíu, ademais, unha visita a diferentes departamentos do Hospital Bispebjerg, para coñecer sobre o terreo os fluxos asociados a determinados produtos sanitarios, os sistemas utilizados e posibles escenarios para a futura pilotaxe das solucións desenvolvidas no marco deste proxecto, con énfase en quirófanos verdes.
A participación do departamento sanitario da Xunta nesta iniciativa europea permite incorporar as necesidades e características do sistema sanitario público galego á definición dun reto común compartido con outros sistemas sanitarios do continente e contribuír ao desenvolvemento de solucións innovadoras que favorezan unha xestión máis circular e sostible das cadeas de subministro sanitarias.