Villaverde destaca a Festa da Ameixa de Campelo como escaparate do marisqueo e da tradición mariñeira de Poio

A conselleira do Mar participou na inauguración da XXXVIII edición, a primeira desde a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia

Poio (Pontevedra), 18 de setembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, xunto ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración da XXXVIII Festa da Ameixa de Campelo, acompañada polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández. O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e de representantes do sector do mar.

Villaverde destacou esta celebración como escaparate do marisqueo e da tradición mariñeira de Poio, así como a súa contribución para recoñecer o traballo dos profesionais que manteñen viva esta actividade. A festa, nacida en 1988 e que se celebra esta fin de semana, chega á súa 38ª edición cunha novidade especialmente significativa: é a primeira que se desenvolve tras o seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia.

A titular de Mar puxo especialmente en valor o labor das mariscadoras e mariscadores, aos que definiu como parte esencial da identidade das comunidades costeiras e da transmisión dos coñecementos vinculados aos oficios do mar. Neste sentido, sumouse á homenaxe prevista nesta edición aos 23 profesionais xubilados ao longo de 2025, aos que se lles fai entrega da Ameixa de Prata durante o acto inaugural.

Villaverde sinalou que a experiencia destes profesionais constitúe tamén unha referencia para as novas xeracións e incidiu na importancia de favorecer a remuda xeracional para asegurar a continuidade da actividade pesqueira e marisqueira. Neste ámbito, lembrou o compromiso da Consellería do Mar coa sustentabilidade, a rexeneración dos bancos marisqueiros e o apoio aos profesionais que desenvolven a súa actividade no litoral galego.

A conselleira incidiu igualmente na dimensión económica e social dunha festa que, ademais de promocionar a ameixa de Campelo, contribúe a dar visibilidade ao traballo das familias vinculadas ao marisqueo, dinamizar a actividade local e achegar aos visitantes a cultura mariñeira da ría de Pontevedra.

Neste contexto, a Consellería do Mar colabora coa celebración cunha achega económica destinada á adquisición de ameixa na lonxa de Campelo. A rula é un dos principais puntos de comercialización de bivalvos do sur de Galicia e concentra capturas procedentes principalmente das confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó.

Así mesmo, Xosé Merelles destacou na súa intervención que o recoñecemento da Festa da Ameixa de Campelo como Festa de Interese Turístico de Galicia “reforza a proxección de Poio como destino gastronómico e pon en valor a súa tradición mariñeira, o produto local e a cultura vinculada ao marisqueo” e que coa súa incorporación, a provincia de Pontevedra “conta xa con 44 festas recoñecidas como de Interese Turístico de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2026