A Xunta pon en valor en Vigo a prevención como clave para unha estiba portuaria máis segura
Vigo, 18 de setembro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, clausurou hoxe en Vigo a II Xornada de Prevención e Seguridade na Estiba Portuaria, un encontro que reuniu profesionais e expertos dos ámbitos portuario, técnico, xurídico, institucional e empresarial. Pérez Iglesias salientou a importancia de abordar de forma integral a prevención de riscos asociados á estiba e á desestiba, incluídos os de carácter ergonómico e psicosocial, así como de reforzar a formación, a coordinación entre os axentes implicados e o uso das novas tecnoloxías.
A representante da Xunta puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa seguridade e saúde laboral, a través de actuacións de formación, asesoramento, sensibilización e seguimento, enmarcadas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027 e no traballo desenvolvido na Mesa técnica do naval. Neste sentido, destacou o labor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para intensificar a prevención nos sectores con riscos especiais ou elevada sinistralidade e avanzar cara a contornas de traballo máis seguras e saudables.