Mar investirá 80.000 € na renovación da cuberta dos departamentos de armadores do porto de Burela
A presidenta de Portos de Galicia reuniuse coa confraría de pescadores para informar sobre as obras que se executarán antes de final de ano
Burela (Lugo), 18 de setembro de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia e a Dirección xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, investirá 80.000 euros na renovación da cuberta dos departamentos de armadores tipo B do porto de Burela (Lugo). Así o anunciou a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, nunha reunión coa confraría de pescadores da localidade.
Botana explicou que as obras permitirán instalar unha nova cuberta nos dous bloques de locais para mariñeiros nos que non ser renovara o teito anteriormente. Esta actuación mellorará as condicións de traballo dos profesionais que operan no porto burelés e á resposta a unha demanda trasladada pola confraría de pescadores.
Durante o seu encontro co patrón maior, Basilio Otero, Botana confirmou que esta actuación dará comezo nas próximas semanas e estará executada antes de final de ano. Ademais, lembrou que Portos de Galicia investiu xa outros 40.000 euros na mellora da nave de redes de arrastre e está a estudiar a renovación da cuberta da nave de redeiras e caixas de pesca.
Visita a ABSA
Despois do encontro coa confraría de pescadores, Natalia Botana visitou tamén as instalacións de Armadores de Burela S.A (ABSA), unha das empresas de maior actividade do sistema portuario autonómico, xestora ademais da lonxa de Burela. Durante a súa reunión coa directiva abordaron posibles accións para a mellora da actividade empresarial portuaria nesta dársena.