O Consello Galego de Pesca aproba, por unanimidade, a proposta de protección social para as mariscadoras e aborda o estado das negociacións do novo marco financeiro europeo
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu o primeiro pleno do órgano consultivo tras a renovación dos membros das súas comisións sectoriais de traballo
Tamén deu conta do contido do Consello Consultivo de Política Pesqueira celebrado onte en Madrid no que Galicia explicou as súas propostas para defender o sector
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026
O Consello de Pesca aprobou, por unanimidade, a proposta técnica promovida pola Consellería do Mar e elaborada por expertos das universidades de Santiago e da Coruña para fixar un sistema específico de protección social para as mariscadoras a pé en situacións de cesamento de actividade. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, sinalou que o actual réxime xeral de autónomos non dá resposta ás paradas forzosas por factores ambientais ou baixadas de salinidade como as do pasado inverno.
A iniciativa formula melloras nas coberturas ordinaria e extraordinaria, permite compatibilizar a prestación con labores de rexeneración dos bancos e achega a folla de ruta normativa precisa para que o Goberno central acometa estas mudanzas a través da Seguridade Social e do Instituto Social da Mariña (ISM).
Villaverde presidiu esta tarde a sesión plenaria do Consello Galego de Pesca, a primeira celebrada tras a renovación dos vogais das súas comisións sectoriais. Esta actualización dos órganos de consulta permite axustar a representación do pleno á realidade actual da cadea mar-industria e dinamizar o seu labor de asesoramento nun momento decisivo para o futuro do sector.
Así mesmo, a conselleira informou, polo miúdo, do estado das negociacións do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 e do contido do Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios mantido onte en Madrid co ministro Luis Planas. Villaverde detallou que Galicia mantén unha posición firme e unánime na defensa de blindar, na liña do proposto polo Parlamento Europeo, unha contía de, cando menos, 7.290 millóns de euros para a pesca e a acuicultura nun fondo independente, evitando calquera recorte ou dilución en fondos comúns.
Nese marco, defendeu que a nova Política Pesqueira Común (PPC) debe garantir a modernización e renovación da frota envellecida sen que o incremento de habitabilidade e eficiencia compute como esforzo pesqueiro, ademais de asegurar que os criterios de sustentabilidade ambiental vaian sempre a carón da rendibilidade socioeconómica do sector.