O presidente da Xunta asiste ao 75º aniversario da entidade

Rueda pon en valor o traballo de cooperativas como Cofano para garantir o acceso rápido e seguro aos medicamentos en toda a comunidade

Asegura que para a Xunta é unha prioridade garantir a prestación farmacéutica en todo o territorio e facilitar a adherencia aos tratamentos

Galicia conta con 29 zonas farmacéuticas especiais, con apoios concretos para manter un servizo esencial nas contornas rurais ou con menor poboación

O Goberno autonómico traballa na nova Lei de cooperativas para impulsar este tipo de negocio, vencellado ao territorio e que xera emprego de calidade

Vigo, 17 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde o traballo diario de entidades como a Cooperativa Farmacéutica do Noroeste (Cofano) para que os cidadáns teñan un acceso rápido e seguro aos medicamentos en todo o territorio, vivan onde vivan.

Durante o acto polo 75 aniversario da empresa, Rueda salientou que a Xunta traballa desde hai anos en colaboración co sector farmacéutico para garantir a prestación deste servizo esencial nunha comunidade caracterizada por unha gran dispersión poboacional. O presidente remarcou que para o Goberno autonómico é unha prioridade tanto facilitar o acceso aos tratamentos como facer un seguimento para comprobar a adherencia dos pacientes aos mesmos.

Nesta liña, a Xunta aprobou a declaración de 29 zonas farmacéuticas especiais, o que permite dar apoios concretos ás oficinas de farmacia de zonas rurais ou con contornas con determinadas características demográficas para garantir a continuidade deste servizo esencial. Ademais, está en marcha un proxecto polo que se entregan a domicilio os medicamentos a aquelas persoas dependentes que teñen dificultade para trasladarse e as boticas ofrecen sistemas personalizados de dosificación para facilitar aos pacientes crónicos, a toma dos diferentes medicamentos diarios.

En paralelo, a Xunta aprobou no pasado Consello a actualización da plataforma que utilizan médicos e farmacéuticos para dotala de novas ferramentas que apoien as decisións dos sanitarios. O novo sistema permitirá alertar ante posibles interaccións, contraindicacións ou duplicidades entre os medicamentos pautados e incorporará información clínica e microbiolóxica para ofrecer terapias máis personalizadas e axeitadas a cada paciente.

Aposta polo cooperativismo

Na súa intervención, Rueda salientou que Cofano celebre o seu 75 aniversario como un referente no sector e apostando por un modelo de negocio como o cooperativismo, tan vencellado ao territorio, que xera emprego de calidade e sitúa as persoas no centro. Rueda lembrou que o cooperativismo é un dos modos de emprender máis puxantes e que Galicia conta con máis de 2.000 cooperativas, que xeran 78.000 empregos e facturan 3.500 millóns de euros ao ano.

Para seguir reforzando este sector que tanto contribúe á economía galega, a Xunta ten en marcha a Estratexia Galega de Economía Social, cun orzamento de 45 millóns de euros para este ano neste ámbito, e que busca crear 400 novas entidades e 4.000 empregos no horizonte 2027.

Ademais, a Xunta está a traballar na nova Lei de cooperativas, que actualizará a normativa neste eido para promover o emprendemento en sectores estratéxicos, darlle maior seguridade xurídica ás entidades e adaptar a regulación á realidade socioeconómica actual. É dicir, o obxectivo é tanto impulsar a creación de novas cooperativas na comunidade como consolidar as xa existentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2026