A Xunta ratifica o seu apoio á competición de ultrafondo ’21 Leguas’ de Narón que bate un novo récord de inscricións

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no CIMIX de Narón na presentación da proba que terá lugar o próximo 26 de setembro

Un total de 1.150 deportistas, entre marchadores e ciclistas, inscribíronse este ano na proba que tomará a saída do paseo marítimo de Xuvia

Narón (A Coruña), 21 de setembro de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX), en Narón, na presentación dunha nova edición da proba de ultrafondo 21 Leguas. Os 101 quilómetros de Narón 2026, que este ano bate un novo récord de participación con 1.150 deportistas inscritos.

Aneiros ratificou o respaldo do Goberno galego a esta proba e destacou a súa aliñación cos compromisos da Xunta coa promoción da actividade física, o desenvolvemento económico e a proxección do territorio. Referiu o itinerario como “a combinación perfecta entre paisaxes naturais e o patrimonio histórico e industrial da comarca” e augurou un novo éxito que reforce o lugar de Narón e da comarca de Ferrolterra no mapa das grandes probas de resistencia.

A competición que terá lugar o próximo 26 de setembro, ten unha duración de 24 horas para os participantes a pé e de 12 para a modalidade de bicicleta de montaña pola que este ano se decantaron o 46% dos inscritos. Ten un percorrido circular que sae do paseo marítimo de Xuvia e discorre polos concellos de Narón, Ferrol, Valdoviño e San Sadurniño pasando por puntos tan emblemáticos como o Arsenal militar, o estaleiro de Navantia, as escolas da Armada ou a contorna natural da Costa Ártabra.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2026