A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o Concello do Páramo analizan a mellora do sistema de saneamento do municipio

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde do Páramo, Benjamín García, analizaron hoxe nunha reunión celebrada esta mañá en Santiago de Compostela as posibilidade de acometer melloras no sistema de saneamento do municipio.

Nese senso, na reunión abordaron as deficiencias que presentan as sete depuradoras compactas soterradas das que dispón o Concello e as opcións para acometer as actuacións necesarias para mellorar o seu funcionamento e, polo tanto, o servizo que prestan á veciñanza.

A conselleira informou ao alcalde de que unha posibilidade para levar a cabo eses traballos sería a liña de axudas que cada ano convoca Augas de Galicia destinadas a concellos para a renovación e/ou instalación de sistemas de depuración autónomos. En concreto, na convocatoria deste ano as axudas oscilaban entre os 7.500 euros e os 20.000 euros, en función do número de vivendas aos que dá servizo.

A maiores, na reunión a conselleira e o rexedor, tamén analizaron a situación da rede de abastecemento municipal. Nese senso, ambos fixeron especial fincapé na necesidade de reducir as perdas de auga. De feito, Ángeles Vázquez puxo en valor que O Páramo é un dos concellos que xa conta cunha auditoría que permite cuantificar as perdas de auga, avaliar o estado das infraestruturas e optimizar a eficiencia hidráulica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2026