A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático presidiu hoxe en Santiago a reunión constitutiva deste novo organismo de colaboración público-privada

A Xunta e o sector da construción poñen en marcha un grupo de traballo para avanzar no uso de materiais reciclados na execución de obras públicas

Ángeles Vázquez explica que esta iniciativa nace co obxectivo principal de impulsar a utilización efectiva de áridos reciclados e outros materiais recuperados do sector da construción e da demolición, un fin que se enmarca na aposta do Goberno galego por converter os residuos en novos recursos

Para facer posible o paso da valorización dos residuos ao seu uso práctico, en liña cos principios de economía circular, a primeira proposta do grupo de traballo será crear unha matriz galega de usos que relacione cada material reciclado co resto de información necesaria para aplicalo

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia e as principais entidades representativas do sector da construción na Comunidade acaban de poñer en marcha un novo grupo de traballo para o impulso do uso de materiais reciclados en proxectos de obras públicas, un obxectivo que se enmarca na estratexia do Goberno autonómico por converter os residuos en novos recursos e alongar así a súa vida útil.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe en Santiago na reunión constitutiva deste organismo, no que ademais de representantes doutros departamentos autonómicos —a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas e a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa— tamén participan membros da Fundación Galicia Constrúe, da Fundación Laboral da Construción e da Federación Galega da Construción.

Durante a súa intervención, a responsable autonómica explicou que o obxectivo principal co que nace esta iniciativa é impulsar a aplicación práctica no sector público de áridos reciclados procedentes de residuos da construción e da demolición e de materiais bituminosos (betúns e alcatráns) recuperados tamén das obras, buscando sempre as máximas garantías desde o punto de vista técnico, ambiental e administrativo.

Para avanzar nesta dirección, o grupo de traballo encargarase de definir os instrumentos necesarios para pasar da valorización destes materiais ao seu uso efectivo en proxectos públicos, pregos de condicións e contratos. De feito, a primeira proposta para o grupo de traballo constituído hoxe é avanzar na creación dunha matriz galega de usos que relacione cada tipo de material reciclado co resto de información necesaria para poder utilizalo na execución dunha obra pública. É dicir, para que usos específicos poden empregarse con seguridade xurídica, que garantías e requisitos deben cumprir ou como se deben acreditarse, contratarse e posteriormente recepcionarse na propia obra.

A partir desta matriz, segundo explicou a conselleira, poderán elaborarse diferentes instrumentos de implantación como poden ser unha guía ou instrución a nivel autonómico, modelos de cláusulas para proxectos e pregos administrativos ou a posta en marcha de experiencias piloto, entre outros.

Como punto de partida, o grupo de traballo tomará como base os datos de xestión destes residuos existentes en Galicia, estudará os novos produtos elaborados a partir de materiais reciclados e os sectores con posibles aplicacións. Adicionalmente, tamén se buscará a información técnica dispoñible sobre a caracterización ambiental dos áridos reciclados e o asfalto recuperado do Centro de Estudos e Experimentación de Obras, organismo cuxos traballos poderían servir de apoio técnico ao grupo.

A Consellería, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, asumirá a coordinación xeral dos traballos, que se organizarán en función das competencias de cada un dos implicados. Deste xeito, a AXI achegará a visión da obra pública nas súas distintas fases, GAIN apoiará os ensaios, innovación e identificación das solucións que precisen algún proxecto piloto, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas porá o foco na perspectiva industrial ao tempo que promoverá o uso do material reciclado nas canteiras, a Xunta Consultiva revisará o encaixe en proxectos, pregos e contratos públicos e o sector contrastará a viabilidade real e a capacidade de subministración, os custos, o transporte e as barreiras prácticas de implantación.

Por último e tras explicar que esta iniciativa xurdiu o pasado mes de abril a raíz dunha xuntanza que mantivo co sector para estudar vías de colaboración na xestión sostible dos residuos procedentes da construción, a conselleira rematou confiando en que a constitución deste grupo permita presentar unha “liña de traballo seria, prudente e útil” que ofreza un método a seguir para que os materiais reciclados que cumpran certos requisitos poidan incorporarse á obra pública, con seguridade e sen improvisacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026