A conselleira do Medio Rural presidiu hoxe a reunión do Consello Forestal de Galicia, que analizou o anteproxecto
María José Gómez destaca que a nova lei de incendios porá o mapa de risco como base para identificar zonas estratéxicas e adaptar a prevención a cada territorio
A titular de Medio Rural sinala que se trata de concretar as áreas de alto risco e aquelas nas que será necesaria unha xestión estratéxica específica
Incide en que a norma establece un modelo integral que sitúa no centro a xestión estratéxica do territorio e a protección das persoas e dos seus bens, pasando dun sistema de faixas de biomasa a outro baseado no risco territorial
Salienta novidades como a creación do concepto de interface urbano-forestal, a posibilidade de duplicar as faixas de protección ou a obriga para as novas instalacións industriais en terreos agroforestais ou na interface de contar cunha rede de hidrantes
Lembra que Galicia segue en alto risco, polo que o dispositivo está “en garda” e reitera a importancia da colaboración cidadá na loita contra a actividade incendiaria e na detección temperá dos lumes
Boqueixón (A Coruña), 22 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que a futura lei de loita contra os incendios forestais de Galicia fará do mapa de risco a base para identificar as zonas estratéxicas de xestión e adaptar a prevención a cada territorio. Trátase de concretar as áreas de alto risco e aquelas nas que será necesaria unha xestión estratéxica específica. Así o sinalou antes de presidir hoxe a reunión do Consello Forestal de Galicia, que tivo lugar no Pazo de Sergude e que que estivo centrada na avaliación do anteproxecto analizado onte polo Consello da Xunta.
Así, na xuntanza tomaron parte, ademais da conselleira, a secretaria xeral técnica, Marta Forés; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.
A conselleira lembrou que o Consello Forestal xa coñecera unha primeira versión do texto legal, e incidiu en que os incendios do pasado verán deixaron novas aprendizaxes e puxeron de manifesto a necesidade de revisalo en profundidade para responder ao contexto actual de loita contra o lume.
Nesta liña, Gómez destacou que a nova lei establece un modelo integral que sitúa no centro a xestión estratéxica do territorio e a protección das persoas e dos seus bens. Así, salientou que se pasará dun sistema centrado nas faixas de biomasa a outro baseado no risco territorial, con medidas diferentes segundo a vulnerabilidade e as características de cada zona.
Sinalou ademais que o novo modelo mellorará tamén a extinción mediante paisaxes cortalumes e en mosaico, procurando un territorio “máis resiliente e máis protector fronte o lume”. Así, a agricultura, a gandaría extensiva, a silvicultura e as frondosas autóctonas axudarán a crear descontinuidades e a dificultar a propagación dos grandes incendios.
Principais novidades da norma
Asemade, a conselleira explicou as principais novidades da norma, entre elas a creación do concepto de interface urbano-forestal, que son os terreos con vexetación situados en solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable que lindan con terreos agroforestais. Neles, a xestión da biomasa será unha obriga legal directa.
Así mesmo, a Administración autonómica declarará as zonas estratéxicas de xestión, por ser áreas nas que o lume pode resultar máis perigoso, e as faixas de protección arredor de núcleos, vivendas e infraestruturas poderán duplicarse ata os 100 metros.
Outra novidade consiste en que, ante un perigo inminente, os axentes poderán ordenar de inmediato o desaloxo de espazos ou o peche de camiños, sen agardar por trámites administrativos. A maiores, as novas instalacións industriais e gasolineiras situadas en terreos agroforestais ou na interface urbano-forestal deberán contar tamén cunha rede de hidrantes para a súa autoprotección. Mantense tamén o réxime sancionador, recordando a posibilidade de minorar a sanción se a persoa propietaria restaura a parcela.
A modo de conclusión e resumo, non se trata dunha simple actualización da normativa, senón dunha reforma que integra prevención, xestión forestal, protección da poboación, autoprotección e extinción, cunha lei adaptada á nova realidade.
Atentos e en garda diante das previsións de calor
Por outra banda, Gómez recordou que Galicia segue en alto risco de incendios, con previsión de tempo seco e calor para os vindeiros días, polo que cómpre remarcar que o operativo permanece moi atento e en garda, sendo un dispositivo que salienta ademais pola súa profesionalidade, compromiso e esforzo.
A conselleira incidiu ademais na importancia da colaboración cidadá, que está permitindo poñer a presuntos incendiarios a disposición da Xustiza, como ocorreu hai uns días nun lume en Ponteareas. E rematou pedindo precaución e a máxima cooperación no caso de detectar un lume, para avisar o máis axiña posible a través da aplicación Alume ou chamando ao 085 ou 112.