Portos de Galicia financiará o 80% das obras de reposición da pasarela de Noia para poder reabrila ao tránsito peonil en condicións de seguridade

A presidenta de Portos de Galicia reuniuse co alcalde da localidade para sentar as bases do convenio que regulará a colaboración de ambas administracións nesta actuación na que o Concello asumirá o 20% do custe

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, financiará o 80% das obras de reposición da pasarela peonil do porto de Noia. Así o acordaron esta mañá a presidenta do ente público, Natalia Botana, e o alcalde la localidade coruñesa, Francisco Pérez, nunha reunión na sede do ente público.

No encontro, ambas administracións sentaron as bases do convenio de colaboración que asinarán para planificar, tramitar e executar esta obra. En base a este acordo Portos de Galicia costeará o 80% do orzamento da actuación e redactará o proxecto básico da obra, mentres que o Concello asumirá o 20% restante.

A actuación de renovación integral da pasarela permitirá recuperar a seguridade para o tránsito peonil nesta zona do paseo marítimo, pechada temporalmente ante o grave risco que, segundo os informes técnicos de Xunta e Concello, rexistraba para os viandantes. 

Tal como acordaron a presidenta de Portos e o alcalde de Noia, as obras executaranse en dúas fases. Nunha primeira, que abranguerá unha lonxitude de 400 metros, retirarase o paseo voado de madeira e instalarase unha varanda para reforzar a seguridade. A continuación, na segunda fase, actuarase sobre os 390 metros restantes, na zona pilotada onde se substituirá integramente a madeira actual por madeira de maior resistencia e durabilidade na contorna marítima.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/09/2026