A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe no encontro de cámaras de comercio españolas con motivo do 140 aniversario da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía

Lorenzana apela á “oportunidade única” que teñen agora as empresas de diversificar a súa actividade cara ao sector da seguridade e a defensa

“A innovación tecnolóxica vai ser o pasaporte para entrar e estar na nova política industrial europea”, asegura

Apunta que, xunto coa xestión dos recursos naturais, a política industrial da Xunta xira neste momento en torno á estreita relación que existe entre a innovación e o sector da defensa

Explica que a Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que o Goberno galego está ultimando, non só busca axudar ás pemes a dixitalizarse, senón a facelo de forma máis diversificada

Vigo, 22 de setembro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a oportunidade que neste momento teñen as empresas para diversificar a súa actividade cara ao sector da seguridade e a defensa, que concentra actualmente os grandes investimentos da Unión Europea.

Na súa intervención con motivo do 140 aniversario da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, Lorenzana explicou que, promover este salto entre o tecido empresarial é un dos obxectivos da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) que a Xunta ten en marcha cun investimento de cara ao 2030 de 183 millóns de euros. “A innovación tecnolóxica vai ser o pasaporte para entrar e estar na nova política industrial europea”, asegurou.

Segundo dixo, a industria da seguridade e a defensa é un dos sectores con maior complexidade tecnolóxica e maior capacidade de arrastre sobre o conxunto da economía e, en concreto, sobre sectores como o aeroespacial, as TIC, o naval, a automoción ou o metalmecánico en xeral. Necesita, polo tanto, apoiarse nunha base industrial competitiva e, por iso, a Xunta traballa neste momento en fortalecer a capacidade tecnolóxica do tecido empresarial galego.

“Trátase de fomentar a investigación, o desenvolvemento e a innovación entre as empresas porque iso non só aumenta as súas posibilidades de gañar tamaño e cota de mercado, senón a súa resiliencia”, dixo, para referirse á Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia que o Goberno galego está ultimando e que busca non só axudar ás pemes a dixitalizarse, senón a facelo de forma máis diversificada.

Neste sentido, apuntou que, xunto coa xestión dos recursos naturais, a política industrial da Xunta xira neste momento en torno á estreita relación que existe entre a innovación e o sector da defensa. Para iso, considerou moi importante incentivar a capacidade de cooperación entre pemes, grandes empresas tractoras e, tamén, centros tecnolóxicos.

Ao respecto, lembrou que o vindeiro día 30 remata o prazo para a presentación de candidaturas aos denominados acordos de asociación, unha das principais medidas impulsadas pola Xunta dentro da Iesda e dotados con 40 millóns de euros. A súa finalidade é financiar consorcios empresariais encargados de desenvolver grandes proxectos industriais que se van levar a cabo en Galicia no ámbito da defensa, a seguridade e o aerospazo. O obxectivo, dixo, é “promover a fabricación na nosa Comunidade e intensificar a cooperación tecnolóxica para conseguir a integración das nosas pemes nas grandes cadeas de valor europeas”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2026