A Semana de Cine programa desde hoxe unha trintena de proxeccións na delegación territorial da Xunta e na Biblioteca Provincial
Lugo, 22 de setembro de 2026
A Semana de Cine de Lugo arrancou esta tarde na sede da Xunta coa inauguración da exposición ‘Do Bimilenario de Lugo ao Arde Lucus’ e a primeira proxección do ciclo ‘Unha de romanos’, que contaron coa presenza de representantes de agrupacións vinculadas á festa lucense de recreación histórica.
O delegado territorial, Alfonso Villares, felicitou durante o acto ao grupo Fonmiñá polo traballo de organización, e destacou que a Delegación Territorial e a Biblioteca Pública Provincial albergarán unha trintena de proxeccións no marco deste evento.
En relación ao ciclo de ‘Cine galego’, que tamén se proxecta no Edificio Multiusos, Villares sinalou que “pon de manifesto o dinamismo e a capacidade do sector audiovisual galego”, incidindo en que “dar protagonismo ao noso é unha das principais e máis valiosas funcións do festival”.
En canto ao ciclo de ‘Cine español inédito’, que terá lugar na Biblioteca, o delegado lembrou que “outras das grandes achegas da Semana de Cine é traer a Lugo obras e autores que escapan aos circuítos habituais de comercialización”.